Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 26 noviembre 2020
02:30
h

Rocío Leira estréase na novela de intriga

'Veleno en familia' é a súa primeira obra deste xénero // Nela aborda a situación da muller no rural galego e a complexidade das relacións familiares // Ten outra xa no prelo

A escritora ceense Rocío Leira, coñecida polas súas obras poéticas e para o público infantil, estréase agora na novela de intriga con Veleno en familia, coa que foi finalista no I Premio de Novela Vilar Ponte do Concello de Viveiro e que agora ve a luz da man de Bahía Edicións.

As protagonistas son tres mulleres, unha delas trastornada, outra apoucada e unha terceira de armas tomar. A súa historia comeza cando un ingreso hospitalario fai saltar polos aires un triángulo familiar no que nada é o que parece. Unha trama intrigante na que todas son vítimas e verdugos, e un crime perfecto nunha familia imperfecta. Así resume a editora a novela de Leira.

Unha obra que, segundo a autora, está ambientada no rural galego e que, a pesares de ser unha novela de entretemento, pensada para manter a intriga do lector ata o final, nela trátanse de fondo outros temas "como a toxicidade nas relacións familiares ou a situación da muller no rural galego, onde ademais de lidiar coa problemática da conciliación, moitas veces tén que afrontar a misoxinia máis feroz", afirma. Aínda que xa ten catro libros publicados, "esta é a miña primeira novela para adultos e ten, por tanto, a maxia das primeiras veces", engade.

Sinala, non obstante, que o salto á novela "é un paso natural, pois era o pau que me quedaba por tocar". Asegura que é un dos xéneros que máis lle apaixoa, e como grande lectora de novela negra "tamén quería escribir sobre o que máis me gusta".

Rocío Leira Castro, nada en Cee no ano 1979, é licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago (USC) e dende hai uns anos combina a súa afección por escribir co seu centro de formación para universitarios en Compostela. Ao longo da súa traxectoria recibiu máis de douscentos premios literarios entre os que destacan o Díaz Jácome de poesía para novos creadores, o Valle Inclán de narrativa, o de Novela Curta do Concello de Negreira, o Rosalía de Castro de Cornellá ou o Anduriña Voandeira de Euskadi.

Foi no 2013 cando veu publicada a súa primeira obra, Universo Pitágoras, un libro dirixido ao público infantil no que combina as súas dúas paixóns: a literatura e as matemáticas. Dous anos máis tarde chegou O becho que quería comer a avoa, unha novela infantil na que aborda o tema do cancro no ámbito familiar. No 2016 publicou dous poemarios: Obituario, unha obra de denuncia social coa violencia machista como protagonista, e Inem.

E agora, despois de que vira a luz Veleno en familia, xa ten no prelo a súa segunda novela, que levará o suxerente título de Trescatrodezaseis e que será publicado pola editorial Xerais.

Trátase, segundo sinala Rocío, dunha obra centrada nun ambiente máis culto xa que se desenvolve no ámbito universitario e máis concretamente no campus de Santiago de Compostela. Nese marco vanse sucedendo unha serie de crimes que constitúen o eixo da novela, na que o "asasaino vai retar a un profesor universitario, que vai ter que ir resolvendo unha serie de enigmas para poder esclarecer os crimes", asegura. Ao mesmo tempo, a obra permitirá ao lector achegarse tamén á historia da matemática.

A escritora ceense asegura que xa ten novos proxectos literarios no caixón á espera de que poidan ser tamén publicados máis adiante. "Teño escritas varias cousas para o público infantil, un poemario e outra novela", pois asegura que a súa idea é seguir "tocando todos os paus". Cómpre pois agardar por moitos máis títulos e tamén, a bo seguro, novos premios.

13 ene 2020 / 00:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito