Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{no pasar dos días}

Rodal e a mostra da memoria

    COMO realmente magnífica hai que cualificar -tanto polos contidos como pola montaxe da presentación- a mostra retrospectiva que se está a presentar (de luns a venres, entre as 19 e as 21 horas, ata o 6 de xuño) no Espazo EMAO, na Rúa García Barbón, en Vigo, co título Emilio Fernández Rodal (1912-1972). Retrato de Sociedade dun artista vigués. Esta exhibición dunha tan ampla colectánea de obra artística, en xusta lembranza e homenaxe ao pintor, debuxante e excelente retratista, foi integramente producida pola Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, prestixiosa institución coa que Fernández Rodal estivo relacionado ao longo da súa vida, primeiro como alumno e, despois, como profesor, antes de ser durante moitos anos director da Biblioteca Municipal e membro do Servizo de Educación e Cultura.

    Á fronte do comisariado desta presentación está José Luís Mateo Álvarez, licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Saniago de Compostela, e Master Universitario en Edición pola Universidade de Vigo. É autor de Historia do Ex-convento de San Francisco de Vigo, Inventario do patrimonio etnográfico inmoble do Concello de Vigo. En comunicación con Mateo Álvarez, indícame unha serie de informacións sobre Fernández Rodal. Concorreu, aos 19 anos, no I Salón de Primavera de Artistas Noveles en 1931; foi bolseiro da Deputación de Pontevedra en 1931 e 1941 para ampliar estudos artísticos; participou na Sociedade de Amigos del Arte de Vigo, unha das máis dinamizadoras da vida cultural na cidade nos anos 30 e 40 do século pasado. Alí asistían figuras como Camilo Nogueira, Carlos Sobrino, Eduardo Padín, Fernando Oliveira, Angel Mareque; xornalistasistas como Enrique Romero Archidona, Modesto Prieto Camiña, José A. Ochaíta, Julio Leal, Blas Agra; diplomáticos escritores como o cubano Luís Bas Molina ou Manuel F. Sarrasi ou empresarios como Gustavo Kruckenberg, Ventura Requejo, Tomás Mirambell, Francisco Rubira, etc.

    A especialización no retrato converteuno no pintor desta técnica con máis obra en Vigo, retratos da burguesía, dos amigos intelectuais cos que compartía charla nos cafés Tropical ou Derby (retrato de Darío Álvarez Blázquez, retrato de José María Castroviejo) ou unha interesante galería de retratos familiares. Casara con Marina Zunzunegui Freire, e na mostra estaban presentes as súas fillas Marina e Elisa, seu fillo Emilio, membros da familia viguesa, e un numeroso público. Na inauguración interviñeron o director da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), Rafael Ojea Pérez, o comisario da exposición, José Luis Mateo Álvarez e o alcalde da cidade, Abel Caballero Álvarez. Tamén estivo presente a presidenta do organismo autónomo da EMAO, Olga Alonso Suárez.

    Considerando os cadros como textos, diriamos que a atractiva sala da mostra aparecía animada por todo un epitexto repartido en paneis tipo prismas triangulares e de vitrinas repletas de material informativo: fotos, recortes de prensa, escritos, programas... Remato cunha frase de Carlos L. Bernárdez: Na pasada centuria, coa transformación da arte, o retrato convértese tamén nun campo para a experimentación, para a construción do estilo do artista.

    Da Real Academia Galega

    27 abr 2013 / 21:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito