Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rodríguez, o apelido máis común en Galicia con 237.000

'Antroponimia e lexicografía', do CCG e o ILG, analiza a riqueza destes nomes na comunidade

Rodríguez é o apelido máis común en Galicia, con 237.000 usuarios. Hai máis de 21.100 apelidos que teñen un único portador. Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle son algúns apelidos en perigo de extinción. Son cuestións que recolle Antroponimia e lexicografía, unha publicación que elaboraron o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG).

A presentación contou coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quen destacou a calidade das diferentes contribucións. Canda ela estaban o director do ILG, Xosé Luís Regueira, e a editora do texto, Ana Isabel Boullón. Esta monografía, que xa se pode descargar desde o web do CCG, pretende contribuír a afondar no coñecemento dos apelidos en Galicia.

"Estamos ante unha obra que reúne unha serie de traballos realizados por algúns dos mellores especialistas nos seus ámbitos e que procura avanzar no coñecemento científico dos apelidos en xeral,con especial atención aos apelidos galegos". Así definiu Ana Isabel Boullón a publicación Antroponimia e lexicografía, que parte do Simposio do ILG do ano 2016, e na que figuran estudos sobre a elaboración doutros dicionarios, o proxecto de Dicionario dos apelidos galegos e outras achegas realizadas desde Galicia sobre esta materia.

A publicación que onte se presentou pretendía reunir diferentes contribucións sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos da nosa contorna cultural. Deste xeito, buscábase coñecer de primeira man as dificultades e facilidades que outros autores tiveron á hora de enfrontarse a un dicionario de apelidos como o que se está a elaborar en Galicia. Tal e como explica a coordinadora da publicación, Ana Isabel Boullón, "permitiunos ver o rigor, a documentación e as dificultades que atoparon outros investigadores nunha situación semellante".

No volume destacan os contributos de Patrick Hanks, autor de varios dicionarios de apelidos no ámbito anglosaxón (nomeadamente Irlanda, Bretaña e os Estados Unidos), e Alda Rossebastiano, que analiza a antroponimia dunha zona transfronteiriza de Italia. Tamén se recollen as achegas Dieter Kremer, impulsor do proxecto PatRom (acrónimo de Patronymica Romanica), que, segundo a profesora Boullón, "lle deu pulo aos estudos antroponímicos en toda a Europa románica e reflexiona sobre as complexidades da pescuda onomástica".

Completa esta revisión da contorna un texto de Cristina García Gallarín sobre a confluencia entre antroponimia, toponimia e léxico común.

A día de hoxe, o ILG ultima a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos. Ana Isabel Boullón destacou que "é un proxecto que non ten parangón no ámbito lingüístico hispánico". Nel recolleranse apelidos con máis de 30 ocorrencias, que supoñen unhas 5.800 formas que abranguen o 97 % da poboación.

Na publicación hai un artigo completo sobre este proxecto e nel achéganse datos como que hai máis de 21.000 formas que teñen un único portador (apelidos estranxeiros, variantes minoritarias de apelidos frecuentes, erros tipográficos, estandarizacións modernas dalgún nome ou mesmo formas en período de extinción). Todos os apelidos e nomes de Galicia son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde o ano 1870.

15 ene 2019 / 21:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito