Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rosa Crujeiras toma posesión como vicerreitora de Comunicación da USC

Natural de Ribeira, foi vicedecana da Facultade de Matemáticas

“Contemos o que somos, o que facemos e cómo o facemos e expliquemos as condicións nas que se desenvolve o noso traballo, porque só así teremos a oportunidade de que a sociedade comprenda o noso esforzo”. Con estas palabras definía esta mañá a profesora Rosa Crujeiras a importancia da comunicación e a coordinación, materias ás que estará dedicada a partir de agora dende o seu novo cargo de vicerreitora, nunha institución de considerables dimensións e complexidade como é a USC.

A nova vicerreitora, que substitúe no cargo a Xosé Pereira –“o meu vicerreitor mentres asumín a adxuntía con competencias en calidade”, dixo–, marcouse como principal obxectivo contribuír a que “a nosa Universidade encaixe no concepto de calidade na docencia e na investigación, na comunicación e transferencia de resultados, na divulgación do coñecemento adquirido e na xestión dos servizos e persoas”.

A vicerreitoría que asume Rosa Crujeiras ten unha dimensión transversal no goberno da USC, de maneira que entre as súas responsabilidades figuran as Áreas de Calidade e Mellora de Procedementos e de TIC, o Gabinete de Comunicación, a Oficina de Información Universitaria, o Servizo de Medios Audiovisuais e o Programa A Ponte. “Son consciente de que neste traballo temos dinámicas que corrixir e urxencias que atender, pero chegaremos a reinventarnos se é preciso para dar resposta ás demandas dunha universidade que sempre debe avanzar”, asegurou.

Na súa intervención o reitor confesou que non lle custara tomar a decisión de quen ía substituír a Pereira, “a quen vou botar moito de menos”¬. “Só tiven que recordar que en moitas das decisións importantes que tomei nos primeiros tres anos, sempre acababa chamando á mesma muller e sempre acababa acertando nas decisións”, dixo en referencia á profesora Crujeiras.

Para Viaño, coa nova vicerreitora complétase o equipo que afrontará “o importante ano que temos por diante: o da maior oferta laboral desde o inicio da crise, no que temos que consolidar a senda de crecemento orzamentario que xa iniciamos, no que remataremos o plan de actuación nos institutos e no que aprobaremos a nosa estratexia docente”, asegurou.

Rosa Crujeiras

Rosa Crujeiras (Ribeira, 1978) é profesora contratada doutora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización e membro do grupo de investigación MODESTYA, onde desenvolve a súa investigación en estatística non paramétrica para datos espaciais e direccionais.

Ten publicados case corenta artigos científicos en revistas internacionais e tres capítulos de libros, así como varios traballos divulgativos. Participou en oito proxectos de investigación europeos e nacionais -dous deles como co investigadora principal-, en redes de investigación e en contratos e convenios con empresas.

Foi secretaria do Instituto de Matemáticas, vicedecana da Facultade de Matemáticas e adxunta á Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación.

23 jun 2017 / 18:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito