Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ flash }

Running

    HAI UNS DÍAS tres amigos que hai anos fomos compañeiros de traballo, quedamos a xantar nun restaurante de Compostela para recordar vellos tempos; e o que viña de máis lonxe foi o primeiro en chegar. Motivo?: que os dous que agora traballamos en Santiago estivemos no curro ata as tres, debido á dinámica imprevisible do traballo.

    Cando chegas tarde a unha xuntanza deste tipo, o primeiro é escusarse. E despois, a gozar, pois dedicar tempo ás amizades é un pracer que non sempre podes regalarche.

    Ir contra reloxo todo o día é un mal da sociedade actual. Tanto que, ás veces, non te dás de conta nin de por onde pasas. Como me pasou a min ese día que andei polas rúas de Santiago a toda máquina, para acabar chegando tarde ao restaurante.

    Para combater isto, polo que lin estes días, existen empresas que ofrecen rutas turísticas de running para coñecer as cidades. Madrid Running Tours, por exemplo, posibilita percorridos polo Madrid clásico, o antigo, o urbano, o metropolitano, o nocturno, o verde, a Casa de Campo ou o ‘Madrid a túa medida’, elixindo ti a ruta. Os tours soen durar entre 60 e 90 minutos, a un ritmo asequible, con paradas nos lugares máis emblemáticos para escoitar a explicación do guía. Empresas similares hai en Barcelona e Bilbao, así como en París, Florencia, Nova York ou Sydney.

    O running non pode practicalo todo o mundo porque enfundarse o chándal para trotar unha hora e media non está ao alcance de todos. Pero cando te moves pola túa cidade –trotando ou andando–, buscando a beleza que esconden os seus edificios e parques, acabas descubrindo marabillas insospeitadas.

    Percorrer a túa cidade, deixándote embruxar polos seus tellados, árbores e currunchos, dáche unha visión diferente dela. Pero, para isto, tes que mirala con ollos distintos.

    Non se trata de enfundarse o chándal e poñerse a correr. Pero si de andar máis a modiño e cos ollos ben abertos para gañar espazos de gozo, desafiando ao reloxo, como se fai no running.

    Licenciado en Dereito

    16 mar 2012 / 20:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito