Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Elos de lectura Literatura infantil e xuvenil

Ruptura de roles. A cazadora de estrelas, de María Canosa

Na primavera de 2017 saía a lume A cazadora de estrelas, de María Canosa (Cee, 1978), unha obra que en dúas ocasións petou á porta do Premio Merlín, convocado por Edicións Xerais de Galicia, ao ser finalista na edición do ano 2015 e na de 2016.

Dedicada "A Ana, para que sempre saiba cazar estrelas e soños" e dividida en vinte capítulos titulados, esta obra presenta unha protagonista, Megumi, cazadora de puntería certeira, intelixente, valente e arriscada, que non dubida en mudar o seu físico e romper coas normas da sociedade na que vive, e mesmo abandonala, por lealdade á súa compañeira, a egua Turrón.

A amazona e a súa besta destacan polo bo facer na caza de estrelas, permitida unicamente ás mulleres de cabelo louro, requisito indispensable para a realización dese oficio mais que, a diferenza dos homes, as imposibilita para ocupar postos directivos ou de representación na comunidade na que viven. Esa habelencia das protagonistas provoca a envexa dos compañeiros, especialmente de Zeus, quen non dubida en recorrer a malas artes para conseguir os seus obxectivos e superar a Megumi.

O amor por Turrón e por eses corpos celestes con luz propia que a moza captura, mais que tamén coida con auga con limón e azucre para que se recuperen, lévaa a indagar sobre o traballo realizado no Observatorio de estrelas da comunidade que, para sorpresa da protagonista, está moi lonxe do esperado e desexado. Así, as súas descubertas lévana a enfrontarse a quen sexa preciso, incluída a máxima autoridade da comunidade, quen finalmente resultará un aliado con quen a cazadora de estrelas argallará as ideas necesarias para mudar a sociedade na que viven e na que o aspecto físico é unha cuestión que condiciona a vida dos membros desa comunidade, sobre todo das mulleres.

A amizade, a violencia e o respecto por seres indefensos, a ruptura de roles establecidos ou o valor das persoas polas capacidades e non por condicionantes doutra natureza son temas presentes en A cazadora de estrelas, obra publicada por Edicións Xerais de Galicia para unha franxa de idade de "9 anos en diante". Trátase dun relato que dá conta do bo facer de María Canosa na produción literaria infantil e xuvenil galega, escritora que no outono pasado viu saír do prelo Muriel, obra gañadora do Premio Merlín 2017 que, de seguro, será obxecto de lectura en moitos fogares galegos e que sería mágoa que eclipsara a obra precedente da autora, A cazadora de estrelas. marta.neira1@gmail.com

11 mar 2018 / 13:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito