Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“Sabemos pouco do pasado”, di o profesor Lourenzo F. Prieto

O titular de Historia Contemporánea da USC dirixe o proxecto investigador Nomes e Voces

O profesor de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, coordinador do volume Outras olladas sobre o golpe, guerra e ditadura, canda Aurora Artiaga Rego, considera que sabemos pouco do pasado e que deste, que aínda é presente en España, "boa parte é mentira".

Fernández Prieto, que dirixe o proxecto Nomes e Voces, de investigación da represión franquista en Galicia, participa nun movemento de historiadores nados despois do 60 que se reformulan a historiografía clásica sobre a España de despois da República.

O profesor explica na obra citada como hoxe xa se conta con achegas que sitúan o foco desde unha perspectiva distinta ao que se podía ler ata os 70, que era, en boa parte, "descargos de conciencia e memorias de protagonistas directos e superviventes do drama español".

Ademais, o historiador asegura nunha entrevista con Efe que a dificultade é maior cando o pasado "é incómodo" e a verdade debe construírse desde o axioma de que "é sempre a primeira vítima dunha guerra", cuxo prolongamento habitual é "a manipulación do pasado e das vítimas".

Segundo o director de Nomes e Voces, "aínda hai que explicar no caso español como foi posible que a ditadura saída da vitoria dos sublevados contra un goberno saído das urnas durase 39 anos ata a morte do ditador, cuxos herdeiros negocian a Transición á democracia coa oposición, herdeira en parte dos derrotados na guerra".

Lembra que a guerra española é unha máis de "moitas outras guerras civís no século XX e moitas outras matanzas cando no período de entreguerras se inicia o ciclo do xenocidio", pero a diferenza o feito de que en 1945 o fascismo foi derrotado no mundo, "pero sobrevive en España", de maneira que a continuidade do réxime nado da vitoria na guerra constitúe "a diferenza española".

Esta singularidade é a que esixe dirixir a ollada "cara a máis singularidades que non o parecen ata que as enfocamos. Entre outras, a precocidade, o carácter pioneiro do plan de exterminio, das matanzas, empregadas como medio para a toma do poder".

O novo foco non se centra na guerra como "resultado do momento" ou da "quebra do poder", senón que resalta o golpe de Estado "dunha parte minoritaria do exército e unha parte aínda máis minoritaria da sociedade neses días de xullo", pero que deu orixe a unha ditadura "inclasificable na posguerra", "incómoda pero útil" para as potencias naquela situación internacional, de maneira que "quedou fóra de todo e en parte da análise".

O volume Outras olladas recolle traballos de historiadores que analizan cuestións como a politización da sociedade de 1833 a 1936.

05 ene 2015 / 22:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito