Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sairá a exposición pública a glorieta da Barquiña, en Noia

Será nos primeiros meses do vindeiro ano // A actuación tamén inclúe novas beirarrúas

O proxecto de construción dunha rotonda na AC-550, á altura da Barquiña, e de novas beirarrúas ata o núcleo urbano de Noia, presupostado en 1.170.000 euros, someterase a exposición pública nos primeiros meses do vindeiro ano. Así llo confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao alcalde noiés, Santiago Freire, durante unha reunión celebrada en San Caetano na que tamén estiveron a tenente de alcalde, Marisol Villar, e a edila de Deportes, Laura Salgado.

O rexedor amosou a súa satisfacción polos avances na construción desta glorieta pois "estamos falando dun dos principais accesos á localidade, ao coincidir co final do corredor Brión-Noia e co enlace co polígono de Augalevada, e no que se tiñan rexistrado numerosos sinistros". Unha situación que motivou que o Concello habilitara no 2016 un carril de espera no devandito cruce, ata que se acometera esta obra.

Freire explicou que "será unha actuación semellante á realizada no barrio de San Bernardo, de forma que melloraremos a seguridade viaria das dúas principais vías de entrada á vila".

Por outra banda, a delegación noiesa tratou co presidente tres actuacións de mellora das instalacións deportivas do municipio. Solicitou a colaboración da Xunta para construír unha grada cuberta no campo de céspede artificial de San Lázaro e para realizar unha actuación de recuperación da nave de Abruiñeiras para utilizala como instalación náutico-deportiva e melloras nos espazos deportivos do IES Campo San Alberto e o pavillón Alonso Rodríguez.

Finalmente, os representantes municipais presentáronlle a Núñez Feijóo a parcela cedida polo Concello á Consellería de Sanidade para a construción dun novo centro de saúde.

30 oct 2019 / 21:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito