Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O SECTOR EMPRESARIAL LOCAL REUNIUSE NO AUDITORIO NA ESTREA DO DOCUMENTAL "VALGA, UNHA SINFONÍA DE IDEAS"

O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu á presentación do vídeo acompañado polo seu equipo de goberno // Industrias que levan o nome de Valga por todo o mundo, empresas familiares e proxectos innovadores teñen cabida neste traballo audiovisual

    O documental “Valga, a sinfonía das ideas” estreouse onte no Auditorio Municipal nun acto ao que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, acompañado polo seu equipo de goberno, representantes do sector empresarial local e veciños que puideron coñecer máis polo miudo o potencial innovador e emprendedor que dan pulo á actividade económica no municipio.

    O traballo audiovisual, realizado pola produtora Xurdir, está patrocinado polo Concello de Valga e por unha vintena de empresas a través das cales se pon en valor o potencial económico e a capacidade innovadora que hai na vila. Aparecen no documental industrias de primeiro nivel que levan o nome de Valga por todo o mundo, pero tamén empresas familiares, pequenos proxectos, iniciativas novidosas e recén credadas e emprendedores que fan de Valga un concello vivo e que contribúen á xeración de riqueza.

    Extrugasa, Urovesa, Lema, Eldesa, Peluquería Milagros Gago, o aceite de oliva de Setecoros, Parrillada O Criollo, HobbyKart, O Forno Xardinería, Valga Consultoría Técnica, Hotel Corona de Galicia, Transportes y Excavaciones Hijos de Victoriano Rodríguez, Produto de Aldea, A Casa da Torre, Bodegas Torres Augusti, Salsas Compostela e Parrillada Ribeira Sacra son os proxectos recollidos no documental e aos que o alcalde agradeceu a súa participación e a súa contribución a facer de Valga un concello puxante a nivel empresarial. “Somos pequenos, pero somos traballadores natos”, afirmou Bello Maneiro.

    Durante o acto, que foi conducido pola comunicadora Belén Xestal, interviu tamén o director de Xurdir, Ignacio Seijo. A cantante Rosa Cedrón puxo o broche de ouro á estrea cunha actuación musical. Despois os asistentes puideron degustar unha selección de produtos locais.

    22 dic 2019 / 08:22
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito