Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

Segundo volume dunha magna obra

    Acaba de saír dos prelos de Edicións Xerais o segundo volume da Historia da Literatura Galega que abrangue o estudo da nosa escrita literaria desde 1853 ata 1916, a época de O Rexurdimento. Como deixei constancia con ocasión de edición hai apenas un ano do primeiro volume dos catro previstos que sumarán máis de dúas mil páxinas, a obra de Xosé Ramón Pena, autor desta Historia da Literatura Galega, convértese nun verdadeiro monumento autorial e editorial, un dos proxectos de estudo e investigación individuais máis sobranceiros de toda a cultura galega, destinado a ser unha obra de referencia para todos os interesados na orixe e desenvolvemento da nosa escrita literaria, na súa xa dilatada historia. Pena, nun tratamento sen precedentes do Rexurdimento estuda desde o contexto social e político de Galicia na metade do século XIX, e as súas coordenadas lingüístico-culturais, así como os precursores do inicial Rexurdimento (X.M. Pintos, Fernández Morales, F. Añón e a Rosalía de Cantares Gallegos), para deterse a seguir no Rexurdimento pleno, prestándolle atención non só aos escritores fundamentais: os “tres grandes” (a Rosalía de Follas Novas, E. Pondal e Curros Enríquez ) senón tamén aos seus epígonos –“diádocos” no dicir de Carballo Calero– que proseguiron co labor realizados polas tres personalidades literarias centrais da centuria, que proxectaron a literatura de noso máis alá das nosas fronteiras.
    Saliento o que coido que é o gran atractivo e mérito desta obra: malia o seu título, esta historia da literatura galega transcende o modelo dun manual escolar-académico. Pena non soamente profunda na obra dos escritores da renacenza da literatura galega no século XIX, senón que nos agasalla cunha verdadeira historia social da literatura galega neses tempos. Porque tamén a nosa escrita literaria é un produto social e non pode ser estudada á marxe doutros trazos que conforman a sociedade na que se moven e escriben, os autores do Rexurdimento. Endalí que as achegas máis novidosas deste volume son a caracterización das bases sociais e a reconstrución das ideoloxías que aleitaban os movementos sociais e políticos que, con distinto grao de convencemento, reivindicaban a plasmación práctica da identidade galega. Así pois, unha historia que valora as obras do Rexurdimento na sincronía na que foron concibidas, sen esquecer as ferramentas lingüísticas que tiñan ao seu dispor os escritores que encheron de contido coa súa individualidade este período.

    Crítico literario

    10 dic 2014 / 19:50
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito