Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 10 julio 2020
21:10
h
APUNTES

Sentidiño

    Un diminutivo é o que diminúe ou reduce a menos unha cousa. Segundo se recolle no Diccionario enciclopédico galego-castelán de Eladio Rodríguez González, editado por Galaxia, "o carácter agarimoso do idioma galego fai que os diminutivos sexan moi comúns na nosa lingua, constituíndo unha das características singulares da súa riqueza e flexibilidad, e empregándose profusamente sempre que se queren expresar sentimentos de afecto, de agarimo, de tenrura e ás veces de ponderación. Os diminutivos máis usuais en galego son os terminados en iño, iña (...) Que "non só non minguan nin diminúen a significación dos positivos, senón que, ao contrario, consérvana en toda a súa integridade, converténdoa en expresión aumentativa e íntima de dulzura, de afecto ou de agarimo". Advírte, o lexicógrafo de San Clodio, alá por Leiro, nas terras do Ribeiro, que moitos destes diminutivos en iño, iña forman verdadeiros aumentativos.


    Digo isto non só porque un diminutivo, sentidiño, ven de ser recoñecido como a Palabra do Ano 2019, nunha elección virtual pública promovida polo Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O termo máis votado na escolla constitúe "unha forma de noso de denominar o sentido común, un antídoto eficaz para moitas das preocupacións sociais que adoitan reflectirse nesta iniciativa que conecta a lingua coa actualidade".

    A elección parece ter moito que ver cas necesidades emocionais e sociais, as correntes de opinión, as modas e o uso das redes. É dicir, non inflúe tanto a significación, a musicalidade e incluso a beleza explícita do termo. E así o demostran as palabras que quedaron en posicións posteriores de preferencia: feminicidio, narcosubmarino, quecemento global, ecocidio e quecemento global. Nas edicións anteriores gañaron deseucaliptización, afouteza, irmandade -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a e corrupción.


    Na web da RAG, institución presidida por Víctor Freixanes, pódese ler que "a palabra gañadora deriva de sentido, que se orixina á súa vez da substantivación do participio pasado do verbo sentir, procedente do equivalente latino sentire 'percibir polos sentidos'. De todas as acepcións que recolle o Dicionario da Real Academia Galega da palabra sentido, refírese á cuarta, a "capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta". O aspecto máis interesante do termo é o papel do sufixo derivativo -iño, non outorga á nova palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de 'calidade de sensato', expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala. De feito, o noso sentidiño pode considerarse un sinónimo do sentido común, que o Dicionario define como 'bo xuízo' ou 'calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente'.

    Desta última acepción nace a verdadeira necesidade da nosa lingua: a de entendela como o valor máis significativo da nosa cultura intrinseca, de modo convivencial co español.


    Desde que nace, un galego ten a sorte de acceder a dous idiomas -e, por enriquecemento semántico e fonético, tamén a outras linguas latinas, moi fundamentalmente o portugués-, e a tres culturas - a galega, a española e a portuguesa-brasileira-. Desde o berce somos máis ricos léxicamente falando que outras rexións da nosa contorna e incluso hai científicos que afirman que iso ten efectos positivos no cerebro, pois melloraría as habilidades cognitivas non vinculadas o linguaxe, outorgando capacidade para resolver problemas mentais dunha forma diferente e óptima, mellorando a concentración e a planificación. Xa se sabe, o mais tonto, abogado.


    A reflexión é convinte. Non estamos ante un tema político -aínda que a solución ben pode nacer dese ámbito-, senón cultural. O galego está ferido de desuso, lastimado a transmisión de pais a fillos, mancado no uso na vida cotiá e non é compensando na ensinanza. Segundo o Consello de Europa, a nosa lingua sufre un grave retroceso e "o proceso de desgaleguización está sendo rapidísimo porque non se adoptan as políticas adecuadas para manter a lingua rexional minoritaria que máis falantes ten en Europa".

    Teño escrito que vincúlanos un sentimento único e indivisible cara a unha Nai que é Terra e que en Rosalía, en Curros e en Ramón Cabanillas é poema; xeografía en Otero Pedrayo e en Antón Fraguas; universidade en Fonseca; aristocracia no Conde de Gondomar, celta en Pondal; conto en Fole; revolución nos Irmandiños; rexionalismo en Brañas; surrealismo en Maruja Mallo; esperpento en Valle Inclán; Nobel en Cela; realidade máxica en Cunqueiro; caricatura en Castelao; pedra no Mestre Mateo; arquitectura en Antonio Palacios; moda en José Regojo, Amancio Ortega, Adolfo Domínguez ou Roberto Verino; gastronomía nos Amigos da Cociña Galega e no Grupo Nove; música en Carlos Núñez, Luz Casal, Cristina Pato. Aquí están María Casares, Torrente Ballester e Francisco Leiro e Nélida Piñón ou o propio García Márquez, Machín ou Bebo Valdés, incluso Picasso, polos seus anos coruñeses. Estamos dous millóns setecentos mil galegos, están os emigrantes, están as avoas e os mestres, os mariñeiros e os agricultores, e as paisaxes e os camiños e as corredoiras, as cidades e os mil ríos, rías, tres millóns de lugares, un millón de vacas e 688 millóns de árbores. Aquí están, si, para dar testemuña do que Galicia representa en estado puro. Todo importa, e moi fondamente son fundamentais as verbas e a convivencia. Alomenos para vivir como galegos, como ben di GADIS.


    O noso idioma é fermoso todo él. A súa musicalidade é o mellor himno, o seu uso un patrimonio de todos. A lingua ben merece que a celebremos cada día, agora xa baixo a luz inqueda dunha estrela: Rosalía.

    Temos que facer unha relectura do que ocurre ca nosa fala, que por riba de sentimentalismos e de políticas excluintes permita que a Nosa Terra sega a ser un punto de referencia esencial e obrigado na sociedade do ciberespacio: moi galega, ibérica, española, europea e universal.

    Por todos nós, sentidiño.

    05 ene 2020 / 00:00
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito