Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Meigas,trasnos e enfeitizos

Sereas e homes

Neste achegamento ás sereas galegas, falaremos dun aspecto fundamental; o encontro íntimo entre estes seres engaiolantes e abraiantes e os homes, que rematan toleando de amor pola beleza e sensualidade tan esquiva

Achegabámonos en anteriores semanas ao marabilloso e engaiolante relato das sereas galegas, da súa incontable presenza na nosa tradición (pois lonxe de pensar que é un mito alleo á nosa cultura, son moitas as referencias que posuímos na nosa identidade), e falabamos entre outras daquelas menos coñecidas pero tremendamente lendarias como aquela lírica Serea do Norte, que fabulara e poetizara o polifacético Pastor Díaz na Mariña luguesa, ou aquela outra Serea da Cova da San Xoán, que aparecía con esa esencia contraditoria e ambivalente, harmonizando e conxugando a faciana benévola coa máis escura e dramática… Mais agora falaremos do encontro entre sereas e homes.

Din que conforman a base da súa identidade. Estes peixes-mulleres (antes, e segundo a tradición máis clásica, aves-mulleres que precisamente perderon as ás e foron confinadas na parte sur da península Itálica para se converter na serea por excelencia tal como hoxe a entendemos) xogan a namorar os homes, a seducilos carnalmente, a espertar en nos os desexos máis suxerentes e ousados. En consecuencia e como citan todos os manuais a función da serea non é outra que atraer os homes, seducilos e posteriormente entregalos á morte o través da traxedia; ben por mor do afogamento, ben por mor da desaparición (hai casos nos que os homes quedan petrificados), ben por mor de anular a súa vontade; ben por mor de rematar coa súa esperanza ao namoralos profundamente e logo abandonalos.

Respecto das constantes relacións amorosas, que conforman case que un tópico, entre humanos e sereas, temos abondosos exemplos na nosa tradición e na nosa bagaxe lendaria. De feito, ademais dos xa comentados casos de fundadores míticos que namorados destes seres remataron por ficar nas nosas costas (como aquel Teucro –o pai de Pontevedra, o heroe de Troia, o grande arqueiro despreciado polo seu pai ao ser acusado de esquecer o coidado obrigado ao seu irmán Aiax– perdidamente tolo daquela serea de nome Leucoiña e que rematará por perder a súa vida, despeitado pola fuxida daquela muller-peixe, a carón da illa de Ons). Hai relatos que falan tamén de grandiosos personaxes como Roldán, ou de liñaxes que nacen desta estirpe e deste enlace como a lenda dos Mariño, unha das máis sonadas da nosa tradición, ou incluso anónimos individuos que quedan prendados da beleza e do encanto destes seres como a non menos afamada lenda da sera Meixide.

Son impostas e determinadas relacións de amor, curiosamente onde o aspecto carnal destaca por enriba de calquera outra devoción; de feito as sereas seducen co seu canto, pero tamén cos seus peitos espidos e grandes, cos seus cabelos dourados, coa súa esbelta figura, e coa sensualidade máis extrema.

De aí que sexan incontables os relatos que falan destes encontros carnais e das consecuencias que aparellan. Escribe a este respecto o mago fabulador de Mondoñedo, ese alfareiro da palabra e da fantasía que foi o mestre Cunqueiro, que “A don Ramón del Valle Inclán, preocupoulle como poido haber amor carnal entre unha serea e o paladín Roldán, e como daquel inverosímil coito poido nacer un neno ao que o foi posto o nome de Palatinus, depositado pola nai nun areal galego. Recollido o neno, por corrupción de Palatinuas, dísoxe en lingua galega Paadín, e del, por matrimonio cun infante do país, descenden todos os que levan ese apelido en Galicia, e ademáis os Mariño de Lobeira e os Goianes”… engadindo, coa súa engaiolante retranca o magnífico fabulador un apuntamento final: “Un inxenio galego do primeiro tercio do século XX, Don Narciso Correal e Freire de Andrade, solucionaba o caso decindo que a serea baixábase a pel mariña da cola coma unha muller baixa a saia…”

Cita curiosamente Don Álvaro a esa toponimia tan ilustrativa da nosa terra que nos leva desde o solar dos Gaoiso, en Mirapeixe, do que falan tamén vencellado a estes seres na súa orixe, ata a illa de Sálvora no límite do mar aberto, o gardián da ría - a medio camiño entre Ribeira e O Grove-, onde aparece nada menos que a lembranza ao cabaleiro Roldán, pois cara a este lugar vai agocharse nas súas derradeiras viaxes o heroe e exemplo de cabaleiro, aquel que gañou a honra no terrible e dramático paso de Roncesvalles, por namorar dunha serea… encontro ardente e apaixoado que deixara como herdanza un fillo, de nome Padín, orixe dunha profusa e xenerosa liñaxe.

Maxestosas ou serenas, ás veces arrepiantes, como aquelaas das que daba conta Pedro de Barcelos, pero que sempre tentarán o encontro amoroso co ser humano amparadas polos seus engados e artes de sedución.

As liñaxes das sereas

Escribía o Licenciado Molina naquel valioso libro, un anticipo en varias centurias da mellor das Guías de Viaxe spola nosa terra, que foi a “Descripción do Reino de Galicia”, e cando falaba das linaxes galegas que “os Mariño queren algúns dicir que veñen dunha muller criada nas augas do mar que era de hermoso rostro e que un fidalgo deste reino tivoa no seu poder ata que, quitándolle as escamas que como peixe traia, rtivo con ela xeración”… Mais coa perspectiva crítica que amosa en toda a obra, propia dun home adiantado ao seu tempo, engade o coengo malagueño de berce pero acollido en Mondoñedo durante varios anos, que “aquello é un sinxelo conto, porque a verdade é que veen dun estranxeiro que chegou por mar e casou neste reino cunha nobre muller, de onde veñen os Mariños, e chámanse así por ter chegado pola mar”.

Da sonada lenda que recolle Carré Alvarellos e que tantas veces temos relatado nesta mesma sección (aquela que cita ao cabeliro Fruela que recolle a unha muller espida -unha serea- coa que ten amores e concibe un fillo, sen que ela sexa quen de pronunciar palabra humana ata que un día o home para lle obrigar a falar á muller, fai que chimpa ao neno ao lume, dandose así remate ao vencellamento da muller coas augas e a súa definitiva unión co mundo dos homes) e que cita o nacemento da linaxe dos Mariño de Lobeira, existen outras moitas versións como aquela que adianta que un cabaleiro apresara a un home con escamas que estaba deitado ao sol sobre unhas rochas. Cando o leva ao seu castelo, decátase que tras aquelas escamas agóchase unha fermosísima muller da que vai quedar namorado e coa se casará.

As pertencentes ó mundo clásico

Na mitoloxía clásica, as sereas serían a versión marítima das ninfas acuáticas dos ríos e das lagoas. Xa comentamos con anterioriodade que o tema da súa orixe non está clara, pero semella que apareceron e moraron principalmente a carón do Cabo Pelore, preto da vella Sicilia. Medio ave, medio muller; as súas ás grandiosas, a súa beleza candorosa e o enfeitizo do seu canto eran os grandes tesouros. En principio houbo só un número concreto de sereas; tres, cinco, oito ou doce... e formaban todas un mesmo grupo aparecendo xuntas ante os ollos dos mariñeiros.

A súa terrible grandeza residía precisamente en que pretendían a morte dos mariñeiros que ousaban escoitar e contemplar os seus cantos e misterios, pero tamén existía a posibilidade de que si un ser humano era quen de resistir o seu enfeitizo unha das sereas debía pagar e morrer. De feito todos coñecemos a aventura de Ulises na Odisea, cando tras tapar con cera os oidos dos seus tripulantes, prega que o aten a un mástil para así poder resistir a atracción irremediable dos cantos das sereas. A súa fazaña asegurou a morte de Parténope, cuio corpo foui arroxado ó mar e polas ondas conducindo á ribeira onde se ergueu un templo na súa memoria... o templo que sería o alicerce da futura cidade de Nápoles, a vila creada pola morte dunha serea.

03 feb 2007 / 19:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito