Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
leer en tempos de crise

Silleda e Fernando Ónega renden homenaxe a José Espiño no Día do Libro

O Cura de Bandeira, home culto, sabio e autodidacta, é toda unha institución na zona// No seu estudo de Cristovo Colón mantén que era pontevedrés

Silleda aproveita hoxe, este 23 de abril, Día do Libro atípico pero tamén moi especial, para render homenaxe a persoeiros do municipio, amantes da cultura e a tradición da terra. E este ano o Concello e a Fundación Baiuca Verdescense elixen a todo un amante da lectura, José Espiño Matos, máis coñecido coma o Cura da Bandeira, que se atopa nestes momentos vivindo na recentemente estreada Residencia de Maiores de Silleda. E presidindo o acto estará un recoñecido periodista galego, Fernando Ónega.

Dende o Concello lémbrase que non quere deixar pasar esta data xa que “desde que o coronavirus se impuxo no noso proceder diario, as nosas vidas non fixeron máis que mudar a pasos forzados, adaptándonos a unha nova situación, cada un na súa casa, pero máis unidos e unidas que nunca”.

PERSOEIRO Sobre o persoeiro elexido os responsables municipais explican que José Espiño Matos é sen dúbida unha institución no Concello de Silleda. No seu labor como párroco de Manduas durante 65 anos, converteuse nunha figura imprescindible en multitude de celebracións e actos familiares, “chegando a casar a diferentes xeracións, bautizando ás nosas crianzas ou confirmando aos nosos mozos e mozas da zona”.

Máis alá diso, aseguran que sempre foi un amante da lectura, e así o transmite a súa familia: “Ten miles de horas de lectura enriba; é un home moi culto e sabio”.

Ademais dedicou practicamente toda a súa vida á investigación, escribindo diversas obras relacionadas con Cristovo Colón (o cal segundo os seus estudos era pontevedrés e gardaba relación coa comarca do Deza), co Camiño de Santiago (de feito colaborou na definición da actual Vía da Prata do Camiño de Santiago), co Mosteiro de Carboeiro e cos contos e lendas que tanto lle apaixonan.

“Seguramente non exista a día de hoxe un mellor coñecedor da nosa zona, e proba diso é que o escritor Xosé Neira Vilas acudía a Don José cando precisaba información sobre a historia da zona”, afirman desde o Concello.

Persoa curiosa, culta e autodidacta, así o describen os seus veciños e veciñas da vila de Bandeira. Moitos deles aprenderon a tocar diversos instrumentos grazas ao sacerdote, que auspiciou o nacemento do emblemático grupo A Folla Revirada de Bandeira, converténdose así nun dos principais dinamizadores da zona.

ACTO Desde o Concello recalcan que “o 23 de abril, Día Mundial do Libro, é sen dúbida unha data perfecta para poñer en valor e homenaxear a persoeiros como Don José, amante da nosa terra, da nosa cultura e da nosa tradición”.

E os responsable da organización consideran que ninguén mellor para presidir esta homenaxe que o ilustre periodista e escritor Fernando Ónega, persoa amante dos libros e do saber, que deleitou ao seu público con diversas obras como por exemplo o prestixioso libro Qué nos ha pasado, España. De la ilusión al desencanto no que se recolle precisamente unha homilía de José que recitou o 12 de xuño de 1977 na vila de Bandeira, localidade coa que Ónega garda unha especial vinculación tras visitala en diversas ocasións e chegando a ser pregoeiro da coñecida Festa da Empanada.

José Espiño vive agora na Residencia de Maiores de Silleda, institución á que hai que agradecer o seu traballo, esforzo e dedicación sobre todo nestes difíciles momentos, así como que fagan posible este acto virtual, que se celebrará hoxe, xoves 23, en torno ás 11.00 da mañá e no que estarán presentes Fernando Ónega, a residencia de Silleda xunto con José, a familia do homenaxeado, a Fundación Baiuca Verdescente e o alcalde do Concello de Silleda, Manuel Cuiña, que destaca “a relevancia de Don José como gran coñecedor do plano cultural e social do municipio”.
O rexedor tamén quixo agradecer a iniciativa posta en marcha pola Fundación Baiuca Verdescente e a colaboración de Fernando Ónega nesta homenaxe.

No acto virtual, a través dunha videochamada múltiple, farase entrega do libro de Fernando Ónega dedicado a José Espiño. Segundo explican, a situación actual obriga a realizar este tipo de actos de modo virtual, “separados pero sen dúbida máis unidos ca nunca, neste caso a través da lectura”, sinalan os organizadores.

CLUB Finalmente lembran que nestos tempos que corren, a lectura non só é recomendable senón necesaria para acabar co aburrimento, pero sobre todo para medrar como persoas. Por elo, a Fundación Baiuca Verdescente, presidida por Nieves López, puxo en marcha un club de lectura virtual e gratuíto a través do seu Facebook e no que calquera poderá viaxar sen saír da casa.

Nieves López rescata unha frase da poetisa Emily Dickinson, “Para viajar lejos, no hay mejor nave que un libro”, para dicirnos que “no club de lectura homenaxeamos libros e aos seus autores para abrir as nosa portas nestes días de confinamento. Así que no día internacional previsto pola Unesco, eliximos o libro Qué nos ha pasado, España. De la ilusión al desencanto”, indican dende a Fundación Baiuca Verdescente.

22 abr 2020 / 21:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito