Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Síntomas de renovación na literatura galega actual

A aparición de editoriais novas, como Apiario ou Chan da Pólvora, por citar soamente dúas delas, está a contribuír a dinamizar o panorama poético

    Voces novas e non tan novas saíron do prelo nos últimos meses na literatura galega. Máis aló duns dos aspectos máis potentes da nosa produción cultural, que son as publicacións infantís e xuvenís, que a miúdo se tratan en profundidade nestas mesmas páxinas, resulta especialmente atractivo para as nosas letras a profusión de poemarios que apareceron nos últimos meses. Sen dúbida, a poesía, especialmente escrita por mulleres, empeza a vivir unha época moi interesante en Galicia. Ou, por mellor dicilo, hai xa tempo que está a ofrecer aos lectores voces moi innovadoras e moi interesantes, algunhas delas moi novas. Tamén é certo que Galicia conta con poetas dunha traxectoria moi sólida e dunha valía sobradamente demostrada, con proxección internacional. Terra de poetas, sen dúbida, que non só atopa vínculos moi potentes con tradicións poéticas portentosas, como a irlandesa, senón coa norteamericana, e con notables achegamentos á vangarda.

    A aparición de editoriais novas, como Apiario ou Chan da Pólvora, por citar soamente dúas delas, está a contribuír a dinamizar o panorama poético. E non só o poético. Porque, como sucede con outros selos aparecidos nos últimos anos, latexa neles a vontade de crear atmosfera poética, de airear as habitacións das letras, de atrapar novas voces e crear unha nova e moi necesaria paisaxe de palabras, neste tempo de gran desolación intelectual, neste tempo de brutalismos salvaxes. Un labor extraordinario, unha paixón luminosa.

    Pero, por suposto, a poesía estivo tamén nos selos máis clásicos, como Xerais e Galaxia, entre outros, con propostas enerxéticas, vigorizantes, que demostran esta idade triunfante de escritores en cernes ou xa plenamente recoñecidos. Deste grupo de poetas en crecemento esperamos moito nos próximos anos, porque deles e delas depende, en gran medida, o sustento das nosas letras, o substrato nutricio que alimenta todas as demais empresas da nosa cultura, o coidado das palabras, o relato das emocións que fai que a vida sexa diferente. E ao tempo, os indomables, os poetas para a eternidade. Como Luz Pozo Garza, que con case cen anos chega agora con 'Pazo de Tor'.

    Habería moitos títulos que citar, e farémolo en futuras ocasións, pero chama especialmente a atención un poemario publicado por Apiario nos últimos meses, 'A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez', escrito por Celso Fernández Sanmartín. A beleza unificadora destes poemas é moi difícil de acadar: a capacidade de funcionar como un todo coherente, á vez que o poeta constrúe con palabras sinxelas que atopan o seu lugar perfecto no tecido das vidas humildes, á vez que se penetra con leve toque das mans nas roupas do tránsito, no relato dos tempos vividos onde, como diría Gamoneda, arden as perdas. E a cama como lugar simbólico, como caudal das memorias, "unha cama parada nunha casa de xente / arrombada contra unha parede do soto", habitáculo da lentitude que se separa do mundo incendiado, que trae lembranzas dos días de neve. Mercedes Corbillón, da libraría Cronopios, unha das mellores lectoras deste país, coa que comparto a miúdo cavilacións críticas, cre, que, sen dúbida, foi un dos poemarios do ano, sobre todo pola capacidade de manexar un ton deliberadamente próximo, e, ao tempo, de gran fondura lírica.

    O poemario de Celso Fernández Sanmartín é unha mostra das mellores publicacións que agromaron nestes meses. Pero outras moitas emocións acumuláronse sobre a mesa de traballo, e, a risco de deixar tantas cousas boas sen citar aquí, aínda que as citaremos, debo mencionar a comuñón paisaxística de César Souto Vilanova, en 'Campo Aberto' (Galaxia), a conexión granítica que caracteriza a outros poetas nosos, e, desde logo, o afán por atrapar a realidade no campo sen lindes, que é o mundo todo. Por iso, quizais, a fermosa cita do absolutamente imprescindible John Ashbery ao principio do poemario: "O que quedou parecíase a un campo / Pechas os ollos e pódelo sentir moitos quilómetros ao redor".

    Nesa fronteira da que agroma a fonte do máis novo, no que se atopa a vangarda e a modernidade co pouso das palabras dos poetas clásicos, aparecen autores como Manuel Outeriño, que vén de publicar 'Do amado amodo' (Galaxia), un título tamén envolvido en ecos e reverberos do tratamento do amor e a amizade na antigüidade literaria. E co latexo de Pondal, pétreamente. Reveladora, esta estrofa: "Tal é a tarefa dos profundadores: / facermos oco, deixar aire ó novo / non pechar todo por causa do vento: / derregar novemente a terra herdada / dar curso ó vello alento". Desde a mocidade, Celia Parra ('Pantallas') ofrece tamén un mirada post, enraizada no mundo computacional, na formidable presión das imaxes e os códigos binarios, construíndo unha poética na que nadan, brillantes, os bancos de píxeles. E a ironía das redes: "se non penduras a foto non fuches a París / tampouco comiches sushi / na rúa máis ateigada de Tokio".

    Nos territorios tan alimentados polos mellores clásicos nos que a poesía se atopa coa volcánica presenza da carne, escribe Vila Ribadomar. O seu poemario, 'O corpo en extinción' (Toxosoutos) percorre o territorio interminable da pel, o mar e o sangue como cores da vida, terra e cicatriz, con eses versos rotundos: "permanezamos calados / escoitandonos". En 'Luzes', Corbillón escribiu deste poemario: "está atravesado por unha sutil liña erótica, que pode empezar nos beizos e acabar non horizonte (...) poesía que arde, "e todo o que arde é para durar".

    No panorama poético, finalmente, os nomes de Lucía Aldao (Todo isto antes era noite), en Apiario, 'Galicia en Bus' (Xerais), de María Reimóndez, e o regreso, sete anos despois, de Pilar Pallarés con Tempo Fósil (Chan da Polvora) merecen un lugar moi destacado nestes últimos meses: excelentes poemarios, sen dúbida.

    A novela en lingua galega semella entrar nunha transición renovadora, fundamentalmente en canto aos temas, pero tamén polo que atinxe ás formas da escrita. Unha das grandes achegas dos últimos meses foi, sen dúbida, 'Os bicos feridos' (Galaxia), de Anna R. Figueiredo. Esta novela, que gañou, como é ben coñecido, o Premio Viadutos do Concello de Redondela, aborda con sorprendente equilibrio estrutural, con gran pulso narrativo, e non pouca complexidade, o asunto das migracións contemporáneas. En realidade, é toda unha revisión dun dos temas de fondo da sociedade galega, pero Figueiredo logra construír unha armazón literaria nova, con contido social moi imbricado no mundo contemporáneo. Londres aparece aquí como territorio da confusión e soidade, un lugar para a confrontación de identidades, pero tamén como unha maneira de espir as moitas estafas do mundo en que vivimos: Olivia, universitaria que ten que abandonar Compostela e cambialo pola xigantesca capital británica, termina limpando unha casa e un laboratorio no que, pola súa preparación, debería traballar.

    A forza da novela de Figueiredo provén da súa capacidade para converter temas de enorme relevancia na actualidade (como a emigración dos mozos, os traballos precarios, etc) en material literario de moi alto nivel. Corbillón, que foi membro do xurado que premiou a esta novela, cre que "tería que ser traducida e publicada tamén en castelán. Eu faríao se fose editora. É unha obra ambiciosa, con moitos personaxes, que en cada páxina ten algo que logra atraparche. A autora sostén con gran estilo toda a armazón, e non é unha tarefa fácil, desde logo", subliña. "Todo o que intenta, faino ben", conclúe Corbillón.

    Outra das novelas imprescindibles dos últimos meses é o Premio Xerais. Emma Pedreira, con 'Besta do seu sangue' é quen de compor un texto, tamén innovador, con esa exactitude lingüística que caracteriza a súa literatura. Unha das autoras que permiten albiscar unha certa volta ao risco e a atracción innovadora é Emma Pedreira, que non dubida en apostar polos escenarios transgresores (ten algo do perfume perfectamente deseñado da Woolf de 'Orlando'), por exemplo, retando a propia natureza do xénero novelístico. E faino revisitando o mito, tantas veces tratado na literatura, e non só na literatura, de Romasanta. O input poético da autora (tamén con poemarios no último ano), a súa indubidable capacidade para modelar a linguaxe con precisión, segundo os rexistros, os personaxes, ou as situacións, fai que esta novela tan peculiar se converta para nós nun deses síntomas de evolución literaria inminente, coma se estivésemos no camiño de asistir a un salto, quizais xeracional, na concepción da construción das novelas. Algo semellante detéctase na novela gañadora do Premio Repsol, 'Extraordinario', de Antón Lopo (Galaxia), recentemente publicada. Pero Lopo foi sempre un gran experimentalista no mundo das artes.

    Poderiamos sinalar, está claro, moitos máis títulos dignos de mención, pero, por limitacións de espazo, citemos polo menos tres obras que tamén foron moi celebradas. Unha, a última de Manuel Gago, 'O exército de fume' (Xerais). Nela, o autor móstrase unha vez máis a gran altura na construción de novelas históricas poderosas, que implican escenarios diversos, etc. Como se dixo no seu momento, Manuel Gago constrúe con eficacia e gran precisión (sen esquecer a documentación) escenarios históricos nos que parece sentirse extraordinariamente cómodo e dos que amosa un coñecemento profundo. Aquí, a mestura da resistencia ao franquismo, que foi e segue a ser un tema importante tanto na literatura galega como na española, coa presenza dun asentamento nazi serve de armazón central para unha novela moi recomendable, que introduce outros moitos aspectos de natureza histórica, como a espionaxe, todos elaborados con esa capacidade extraordinaria de Manuel Gago para facer avanzar as historias sen atrancos, como unha engrenaxe perfecta. "Gago é un autor moi sólido, con lectores moi fieis, que coñecen esa solidez sobre todo en escenarios históricos", apunta Corbillón.

    Outro dos textos que reflicten a renovación e a evolución da literatura galega no último ano é, na nosa opinión, a novela de Iolanda Zúñiga, 'Natura' (Galaxia), unha autora moi coñecida, tamén poeta, e cunha produción moi notable na última década. 'Natura', no medio do gran impulso da Ecocrítica, introdúcenos nun deses ambientes distópicos (Atwood) que volven estar de gran actualidade na literatura. Como adoita suceder cando o futuro non aparece moi nidio no horizonte. 'Natura' (como demostra a cita inicial) ten moi en conta os mundos devastados e a natureza ferida de morte de Cormac McCarthy ('A Estrada').

    Para rematar, sinalemos como autor imprescindible, sen dúbida, a Diego Ameixeiras, un dos nosos mellores escritores, que periodicamente volve co seu dominio absoluto dos contextos da novela negra. 'A crueldade de abril' (versión en castelán en Akal) supón unha viaxe á sordidez e os mundos difíciles, partindo da referencia a ese verso de 'A terra baldía', de T.S. Eliot. Ameixeiras, unha vez máis, aparece ante nós como unha lectura que o lector non pode abandonar, cunha esixencia de calidade á que nos ten afeitos. Unha vez máis un magnifico relato sobre o amor e a morte.

    Javier Pintor, formador cultural, gran dinamizador dos encontros literarios en Galicia, tamén considera que a obra de Ameixeiras merece ser destacada. "Ameixeiras é un valor seguro. Un mestre mesturando elementos sociais, debuxando paisaxes de dor, dando a voz aos máis desfavorecidos. Ameixeiras ten un discurso moi sólido", di Pintor. Algunhas outras obras das mencionadas máis arriba forman parte tamén das favoritas dos últimos meses para Javier Pintor. E ten máis opcións. "Sen dúbida, 'Vivir sen permiso e outras historias de oeste', de Rivas, máis aló da oportunidade da versión televisiva, inclúe relatos que me gustaron moitísimo, o terceiro de maneira especial, aínda que tamén os outros", subliña. Quizais, non tan mencionado nas listas dos favoritos, debamos lembrar aquí o traballo de Pablo Orosa. Javier Pintor considérao tamén imprescindible. 'Fálame do silencio' (Xerais) é unha novela que ten o xornalismo como gran transfondo, pero que debuxa moi ben a Galicia, e sobre todo a Coruña, de finais do setenta, dos anos da transición". Esta é a súa primeira novela, pero Orosa promete darnos grandes momentos literarios no futuro. "Non deberiamos deixar de citar", apunta Pintor, "a Antía Yáñez, con 'Senlleiras' (Galaxia), o último premio Illa Nova", tamén é necesario citar a segunda novela de Nicolás, 'Lapis da noite' (Xerais) ao redor da memoria complexa de Galicia e Arxentina". A literatura galega máis nova semella mostrar en autoras como Yáñez, o seu pulo creativo.

    Aínda hai moito que falar da estupenda produción ensaística dos últimos meses. Faremolo nunha próxima achega. Cómpre desfrutar destas obras (e doutras moitas) que amosan a paulatina renovación da escrita en galego.

    1963

    Se firma entre España y Noruega un convenio bilateral para evitar la doble imposición. Mediante este acuerdo, se decidió que debían pagar impuestos en Noruega. Eso sí, por ley tenían prohibido afiliarse a la seguridad social, ya que para ello había que estar empadronado en un municipio del país. Requisito que no se le exigía a los noruegos, ya que algunos incluso tenían residencia en España.

    1994

    Hasta la década de los noventa, con la instauración del Espacio Económico Europeo (EEE) el 1 de enero de 1994, no hubo un acuerdo entre los gobiernos español y noruego para el reconocimiento de los trabajadores internacionales, su derecho a entrar en el sistema de protección social y, con ello, la garantía del pago de sus pensiones. No obstante, éste no tiene carácter retroactivo.

    2008

    Nace el colectivo Long Hope. La organización es la responsable de interponer una demanda contra el Estado Noruego, al amparodel Convenio Europeo de Derechos Humanos, y en tribunales noruegos, como paso previo a Estrasburgo.

    03 feb 2019 / 12:02
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito