Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 30 octubre 2020
01:30
h

Solidariedade ambiental para liberar de lixo praias e portos de Cee e Malpica

Alumnos do Manuela Rial limparon o areal da Concha // Libera volverá á vila bergantiñán para concienciar sobre a 'basuraleza'

A concienciación medioambiental segue medrando, e con ela as iniciativas para limpar e conservar os espazos naturais, como veñen de facer esta semana un grupo de alumnos de Cee e como farán os veciños e voluntarios que o desexen o sábado en Malpica.

Trinta e dous escolares do CPR Manuela Rial Mouzo, de Cee, baixo a coordinación de dúas mestras, baixaron á praia da Concha para conmemorar o Día Mundial dos Océanos recollendo o lixo acumulado no areal e, ao mesmo tempo, levar a cabo o challenge Trashtag cunha finalidade sostible. O obxectivo, segundo a profesora e coordinadora do proxecto, Alba Vieites, é abrirlle os ollos ao alumnado sobre a importancia da reciclaxe e a redución do plástico e tamén "concienciar a toda a sociedade e promover este movemento social".

Asegura que foi unha xornada satisfactoria pero, á vez, "sentíamonos tristes porque temos moito que cambiar, xa que día a día, facemos que o noso medio ambiente esté máis contaminado". Non obstante, Alba Vieites asegura que "esta xeración de alumnos ten moitas gañas de cambiar a sociedade e poder salvar o planeta".

De feito no colexio crearon brigadas para fomentar e supervisar a reciclaxe nas horas do patio e fixeron unha parodia da canción Calma. O seu compromiso co medio pode comprobarse no blog Alimentosvivosdequinto.blogspot.com, no que amosan todo o traballo que veñen facendo ao longo do curso no marco dunha iniciativa acollida no Plan Proxecta da Xunta.

Pola súa banda, Buceo de Malpica, coa colaboración do Concello, convocou para o sábado unha xornada de limpeza do porto local, enmarcada na iniciativa 1m2 pola natureza, promovida por Libera a nivel nacional, que volve á vila bergantiñán para "concienciar á poboación sobre o problema da basuraleza nos espazos naturais do noso país".

Os veciños e veciñas e voluntarios que desexen colaborar coa iniciativa serán citados para as 9.00 horas do sábado no porto. Os interesados poden inscribirse chamando ao número de teléfono 630 677910 ou a través do e-mail buceomalpica@hotmail.com.

13 jun 2019 / 00:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito