Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Son, concello modelo para os municipios litorais

Vázquez e Oujo firmaron un convenio para aplicar a 'Guía de estudos da paisaxe urbana' da Xunta ás futuras iniciativas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de escoller Porto do Son como concello litoral modelo para a integración do contido da Guía de estudos da paisaxe urbana no seus posibles e futuros desenvolvementos. A conselleira Ángeles Vázquez, e o alcalde sonense, Luis Oujo, asinaron onte un protocolo de colaboración para a posta en valor do sétimo traballo destas características que forma parte da Co­lección Paisaxe Galega.

A representante da Xunta felicitou ao rexedor e ao equipo de Goberno por dar un paso adiante no compromiso de aplicar o contido desta ferramenta ás posibles iniciativas e futuros desenvolvementos que se leven a cabo no termo municipal e que teñen influencia no territorio.

Nese sentido, salientou que esta decisión é importante por varios motivos: por unha banda, polo firme compromiso de "protexer e conservar a identidade paisaxística de Porto do Son"; ao tempo que "serve de exemplo e precedente" para os 86 concellos que constitúen a paisaxe litoral e mariñeira de Galicia". Así mesmo, afirmou que esta paisaxe "é unha entidade viva e dinámica, un activo fundamental de Galicia", e salientou que se trata dun motor da actividade galega, "pois representa un atractivo turístico innegable".

Grazas a esta guía, os equipos redactores e profesionais que interveñen na planificación do territorio, así como a sociedade en xeral, disporán dun documento que asesora e recomenda como levar a cabo desenvolvementos, protexendo o verde e azul que caracteriza á comunidade.

A modo de exemplo, a conselleira explicou que a guía propón que os futuros proxectos aposten por deseños máis ecolóxicos e naturais, con elementos que requiran un mantemento baixo en consumo de enerxía e auga. Outra directriz que se recolle é favorecer a integración paisaxística dos paseos marítimos reducindo os tramos artificiais.

"Nunha vila mariñeira e costeira, como é O Son, esta debe abrirse ao mar", dixo Vázquez. Desde a Xunta destacan a importancia de crear espazos abertos cara o mesmo e recuperar elementos que reforcen a identidade do lugar.

14 oct 2019 / 21:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito