Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sons folk tradicionais e de vangarda para amenizar a festa da Carballeira de Zas

Celebrase os días 2 e 3 de agosto // Artistas galegos e vascos comparten cartel con grupos de Bretaña, Irlanda e Escocia

Os amantes do folk teñen os días 2 e 3 de agosto a súa cita obrigada na 36 Festa da Carballeira de Zas, que este ano mesturará tradición e vangarda. O cartel e o programa foron presentados onte na Coruña, e neles destaca a gran presenza de artistas galegos, que compartirán escenario con importantes grupos do panorama nacional e internacional.

A gaiteira Susana Seivane será unha das estrelas invitadas este ano e, como adianto, ofreceu onte un pequeno concerto aos participantes na presentación. Asegurou ademais que "actuar na Carballeira era unha débeda pendente".

O folk galego estará tamén representado por artistas como Perfusión, as pandereteiras Tanxugueiras, Dakdidarria e Monoulius Dop. Os vascos Korrontxi, a banda bretona Celtic Social Club, os irlandeses Foruth Moon, o grupo escocés Tide Lines e o galego Baiuca completan o cartel da Carballeira.

Na clásica sesión vermú actuarán Os Farrapos, Fourth Moon e Vudú, e haberá tamén regueifa, que terá como protagonistas a Lupe Blanco e Alba María.

Na presentación da festa participaron onte a vicepresidenta en funcións da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o alcalde de Zas, Manuel Muíño; o director do festival, Fidel Otero, e o responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Víctor Mantiñán, quen convidou a todo o mundo a participar da Carballeira "para recuperar os valores tradicionais nun escenario de música de sempre".

As entradas xa poden mercarse na páxina www.festadacarballeira.com e a través de Ticketea. O prezo de saída é de 10 euros para o bono dos dous días, tarifa que se manterá no mes de xuño. En xullo pasará a costar 12 €. A venda en taquilla será terá un custe de 15 €.

Unha das novidades deste ano é o acordo solidario ao que chegaron a organización do festival coa Asociación Íntegro, que recibirá un 1 € por cada entrada mercada online, en recoñecemento ao gran labor do colectivo de persoas con diversidade funcional.

Como en edicións anteriores, haberá zona de acampada gratuíta, baños e duchas para os asistentes.

11 jun 2019 / 21:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito