Suso de Toro ve na falta dun apoio social o hándicap da literatura galega
O autor participou no CGAC no ciclo 'Cara a onde?', que dirixe o escritor Alfredo Conde
O escritor Suso de Toro abordou onte durante a súa participación na conferencia Unha obra literaria pide lector, unha literatura pide Estado, as perversidades da comunicación e da literatura que acucian ao sector na comunidade galega.
Neste acto celebrado no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), dentro do ciclo Cara a onde?. Observando a transformación cultural e social dende a literatura, o autor dixo que os problemas existentes na literatura galega "derivan de non ter unha comunidade humana detrás que teña a vontade de soportar e dar apoio á súa lingua, polo que os escritores en galego carecemos desa vontade nacional para poder existir", segundo informa Efe.
Para o escritor, todo iso "ten consecuencias no plano da economía e a política", e ante unha "lingua enferma de minoración" e chea de "estigmas e taras", todo se complica, xa que, por exemplo, a literatura en galego ten un momento diferente, unha evolución diferente e un perfil de lector tamén distinto que obriga moitos lectores a publicar noutras linguas, sostivo.
Neste sentido, Suso de Toro fixo referencia por exemplo a Rosalía de Castro, a quen atribúe "os comezos ensaísticos da nosa lingua", pero que tivo que publicar en idioma castelán, "onde había mercado".
O escritor considerou durante a súa intervención que "desapareceu o papel social da literatura" nunha industria fundamentada nos "tanteos" dos premios comerciais, pois asegurou que "a ética protestante, aquí, non existe", en alusión a unha sociedade que acepta este modo de "institucionalizar autores".
"Se eu me presentase a algún certame en castelán tería creado un escándalo", xa que rompería certos pactos coa comunidade que fixo a este artista das palabras, ao actuar como "referencia para unha parte do país minorizada", asegurou o escritor neste sentido.
Nesta conferencia aberta ás cuestións do público asistente para analizar as causas, responsabilidades e consecuencias da situación na que se encontra a literatura, estaba prevista a asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen finalmente non puido acudir a esta "reflexión en voz alta para provocar repercusión", tal e como sinalou o director do ciclo, Alfredo Conde.
Foi precisamente Alfredo Conde o encargado de moderar a segunda sesión do ciclo, que contou coa participación de Henrique Alvarellos, Xosé López Silva e Ramón Nicolás, coñecedores e analistas da produción literaria actual, que incorporaron outros puntos de vista ao debate.
A literatura morreu, viva o fútbol, será o título da intervención de Carmen Riera o 23 de maio. Premiada pola autoría de novelas, contos e ensaios en catalán e castelá, é membro da RAE e da Real Academia de Boas Letras de Barcelona.
escritor
"Se eu me presentase a algún certame literario en idioma castelán, tería creado todo un escándalo"