Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 16 mayo 2022
21:01
h
{ enfiando }

A teima de matar ao BNG

    NO ano de 1976 o goberno español, logo de realizar unha “prospección”, decide pórse en contacto con Herri Batasuna e Esquerda Republicana de Catalunya para preparar a súa futura legalización.
    En Galiza realizaron a mesma “capta da opinión” a respecto da UPG e a AN-PG, opoñéndose rotundamente Ramón Piñeiro e García Sabell á legalización destas formacións nacionalistas, que ficarían as últimas en ser recoñecidas en todo o estado (1978).
    Pouco despois, os mesmos servizos secretos españois poñerían en marcha unha operación para que o PCE “deglutise ao nacionalismo popular”. A expulsión dos tres parlamentarios do Bloque-PSG por non xurar a Constitución, aplicando unha lei con efecto retroactivo, formou parte desta campaña deseñada polo xeneral Casiniello.
    Rememoro agora estes datos cando leo e escoito a algúns dos que foron dirixentes e fundadores do BNG avogar pola súa desaparición, argumentando que xa non é útil para Galiza.
    O argumento ao que se acollen estas ben intencionadas persoas é o devalo electoral da formación nacionalista e a necesidade, din imperiosa, de acumular forzas para rematar cos gobernos da dereita tanto aquí coma en Madrid.
    Tamén acusan ao BNG de inmobilismo e poidan que teñan razón. Pero é lóxico que os cidadáns se pregunten se o BNG defende os mesmos principios que defendía cando estas persoas eran dirixentes, é, daquelas, non só eran pertinentes, senón inmutábeis, porque agora non son válidos?
    Lembran cando Xosé M. Beiras predicaba que se o BNG non existise, habería que crealo?
    Poida que unha nova visión da política, mesmo intereses vitais, electorais ou persoais, os leven a propoñer a desaparición do BNG como organización. Menos entendíbel, desde a óptica nacionalista, son as arremetidas contra unha cultura política que comezou hai cen anos coas Irmandades da Fala e que acrisolou no BNG logo do traballo de xeracións.
    No fondo, os neopiñeristas non só están traballando para lograr a desaparición do BNG, senón do nacionalismo. Sen cavilar en tácticas e estratexias electorais, que outra cousa se pode pensar daqueles que defenden sen azorarse a eliminación dos mitos nos que se sustentou o Rexurdimento, as Irmandades, o PG e, logo, o novo nacionalismo galego?
    Pódese construír unha nación sen un relato histórico proprio? E sen forzas políticas de seu? Pódese ser nacionalista desprezando a nación?
    Hai uns días nun convite do empresario chantadino Amancio López na Toxa, no que estaban empresarios e políticos do PP e PSOE, máis dun, ao falar das eleccións, non tivo reparo en defender a necesidade da presenza do BNG no Parlamento, resumido nun: “son como son, pero estes son de fiar”.
    Xornalista

    02 sep 2016 / 20:25
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito