Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
entrevista

"Teño con Neda un amor carnal"

O poeta, narrador e crítico literario Vicente Araguas recibirá o vindeiro 8 de agosto o título de fillo predilecto dun concello que é, segundo este autor, "un estado de ánimo e un estado corporal" ·· O escritor acaba de publicar na colección Esquío o poemario 'Xuvia revisitada'

Confésase "absolutamente feliz" e consciente de que é "o máis bonito que me pode pasar...". Quen fala é Vicente Araguas, poeta, narrador e crítico literario, nado en Xuvia (Neda). A terra que o deu nun setembro de 1950 recoñéceo agora -por unanimidade da corporación- co título de Fillo Predilecto, unha distinción que se entrega por primeira vez, o 8 de agosto, neste concello do norte que, en palabras do escritor, "érao todo cando Ferrol non era nada".

O entusiasmo polo galardón -que compartirá con Fausto Cansado, tamén Fillo Predilecto de Neda, e Manuel Rodríguez, Medalla de Ouro, do concello- chégalle nun momento especialmente pródigo en parabéns a este autor de dificil clasificación, un outsider de noso, sempre á espreita, observador, un pouco por libre ou, tal como -lembra el mesmo- o definiu a poeta María do Cebreiro "un suxeito que escribe con swing". "En dous anos, -di- levei o Pedrón de Ouro, o Reimóndez Portela da Estrada, a Insigna de Ouro de Ferrol e agora isto...", comenta Araguas, que, sen desmerecer o resto de galardóns, salienta a dimensión pletórica, case sexual, deste novo título. "Eu teño con Neda un amor carnal", asegura o autor de Xuvia, un poemario que é un canto á orixe, escrito en 1984, na cerna dunha década frutífera e esencial da literatura galega do século pasado. "A raiz, o coñecemento, a carnalidade están aquí, en Neda", afirma Araguas quen tamén deitou en novelas como Agora xa foi (Laiovento, 2000) ou A canción do verán (Ir Indo Edicións, 2001) esa paixón rebordante por un lugar do que, aínda que marchara fisicamente, nunca deu marchado.

Confésase "namoradizo coas cidades" e por iso refuga a crítica de quen só advirte localismo na adscrición dunha escrita a un lugar determinado; como se Pessoa, Joyce ou Silvio Santiago non envorcaran un alento universal e eterno nas súas olladas sobre Lisboa, Dublín e Vilardevós.

"Moi lonxe e moi preto..."

Santiago, con Glasgow ou Madrid, é outras dos corazóns xeográficos de Vicente Araguas, porque ao abeiro da vila de pedra, hai agora corenta anos, en 1968, naceu o movemento poético-político-musical de Voces Ceibes, no que este poeta participou de xeito activo, como vate-compositor e cantante, pero tamén como relator daquela hora, co seu ensaio histórico Voces ceibes, publicado en 1992. "Eu sigo en activo -asegura-, e o 1o de agosto, por exemplo, participo en Chantada nunha homenaxe á Quenlla. Cambiou todo na nosa sociedade pero son os chistes vellos con caras novas. Voces Ceibes véxoo moi lonxe, pero tamén moi preto...", conclúe.

Colaborador habitual de EL CORREO GALLEGO, veciño das páxinas de crítica literaria de importantes publicacións galegas e estatais ("non fago crítica académica, fago crítica de batalla"), Araguas acaba de publicar, na colección Esquío Xuvia revisitada, o título no que ecoan o vello Xuvia do 84, Neda como "un estado de ánimo e un estado corporal", pero tamén a poesía libre, indómita, do Highway 61 Revisited de Bob Dylan, coma el un outsider, un mago das palabras.

O DATO

O 8-8-08, ás oito

A entrega do título terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura, o 8 de agosto ás oito da tarde. Logo, o público, que recibirá un exemplar de Xubia revisitada, será convidado a un viño na Casa das Palmeiras .

05 ago 2008 / 02:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito