Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 30 septiembre 2022
02:54
h
Enlazarte

Ter ou non ter

    LEVO casada catorce anos, e dezanove compartindo a miña vida co meu home. Nacín no ano 1980 e pertenzo a esa xeración na que, grazas a moitos factores -divinos e mundanos-, as mulleres do noso país podemos escoller se queremos ou non ter descendencia.

    Ter ou non ter é unha decisión complicada. Cando casei tiña claro que quería ter unha familia polo menos como a miña (somos catro irmás), pero a vida foi dando voltas e as complicacións e os xiros radicais de rumbo e prioridades fixeron que a decisión de ter ou non ter cada vez pesase máis. Cando todo se reestabilizou, antes de cumprir os trinta, repensei a realidade de se ter ou non ter, estudei a situación e de novo a fatalidade, ou o destino, axudoume a ver que quizais non ter era unha opción tan digna e respectable como a de ter. Levoume anos tomar a decisión, e levoume anos falar abertamente do feito de que non quero, non queremos, ter fillos.

    Pero aínda hoxe, a piques de pechar o ano 2016, teño que pararme a pensar que resposta quero dar cando alguén me pregunta ou insinúa "e os fillos cando?", non tanto polo pronto da resposta, se non porque según cadre o interlocutor a conversa pode levarme, levarnos, a lugares do máis variopinto. Dende o "non sabes o que te perdes" até o "xa te arrepentirás"; dende o lapidario "é a razón da nosa existencia" até o egocéntrico "e quen vai coidar de tí cando sexas vella?". A realidade é que o feito de poder escoller non quita o feito de ser xulgada, ás veces sen ninguna mala intención, ou o feito de ser cuestionada constantemente.

    Teño a sorte de que fun criada nunha familia de mulleres, e que a miña nai, que dubido que poidera escoller nada no seu tempo, nos educou cunha sensación infinita de "se queres podes" e "esfórzate no teu para non depender de ninguén". Cando unha toma unha decisión vital como a de ter ou non ter descendencia, a meirande parte das veces hai un proceso longo detras, moitos días e noites matinando e moitos factores que segundo o día pesan máis ou menos cara a esa decisión. Pero a realidade é que, por moito que unha matine, reflexione, pense e se cuestione a sí mesma, basta un comentario, unha alusión, unha sentenza do tipo "xa cambiarás de opinión" para facer a unha sentir culpable, ou facer dubidar a unha do seu propio instinto.

    O que máis me sorprende, dende que falo abertamente do feito de non querer ter, non só é a cantidade de veces que recibo un "porqué?" se non a curiosa franxa xeracional que se permite intentar convencerme do contrario. Aínda que as mulleres da edade da miña nai (setentaepico) sempre teñen un comentario ao respecto, adoitan ser as máis comprensivas cando comentas "pois decidín que non quería", quizáis fan algún ademán sobre o que me perdo, pero non adoitan intentar facerme cambiar de opinión. A meirande parte das veces son aquelas da miña xeración (ou arredores) as que sen querer botan un "non sabes o que é o amor até que os tes", e sen querer, fanme sentir máis culpable, máis egoista.

    Complicada vida. Complicada cuestión.

    Gaiteira e pianista

    27 nov 2016 / 20:47
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito