Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Teremos Apple Arcade e Apple TV+ no outono

Apple presentou novos servizos de subscrición, dos que chegarán a España os relativos aos videoxogos e os contidos audiovisuais

O evento programado por Apple para hoxe finalmente encaixou no que moitos prevían: presentáronse varios servizos destinados principalmente ao mercado estadounidense, e avanzáronse detalles dos que si chegarán finalmente ao resto do mundo.

Apple News+

Este evento especial celebrado no Steve Jobs Theater no Apple Park de Cupertino botou a andar co anuncio da renovación de Apple News, aplicación presentada en hai preto de 4 anos e que tivo un desenvolvemento moi modesto, pero que a través dun servizo de pagamento pretende ir un paso adiante. Temos así que con Apple News+ será posible subscribirse a un catálogo de máis de 300 publicacións populares como Vogue, National Geographic Magazine, Elle, People, The Wall Street Journal e Los Angeles Times, que estarán dispoñibles nos EE.UU. e Canadá.
Cómpre salientar que este cambio de Apple News era especialmente previsible, xa que Apple mercou a aplicación de revistas Texture hai pouco máis dun ano, polo que só era cuestión de tempo que tal servizo se integrase no catálogo da compañía da mazá.
O servizo de revistas de Apple bota a andar hoxe nos EE.UU. a un prezo de 9,99 dólares/mes, mentres que en Canadá custará cada mes 12,99 dólares canadenses, prevéndose a chegada a Reino Unido e Australia antes do remate do ano.

Apple Card

Outra presentación que tampouco sorprendeu, por terse filtrado as negociacións de Apple ao respecto, foi a de Apple Card, un tipo de tarxeta de crédito que intégrase na aplicación Wallet do iPhone e que busca simplificar o uso da tarxeta bancaria, eliminar comisións e realizar pagamentos cada vez máis seguros pois, entre outras cousas, esta tarxeta carece de número, data de caducidade e CVV, ou sexa, que está deseñada pensando en dixital, sendo posible facerse cunha destas tarxetas en formato físico. Chegará aos EE.UU. no verán, e ofrecerá un programa de recompensas para potenciar o seu uso (devolverán o 2% do gasto en compras ordinarias, que subirá até o 3% para compras realizadas en tendas e servizos de Apple, aínda que falamos da versión dixital da tarxeta, xa que en formato físico a porcentaxe baixará até o 1%).
Aparte de non ter cotas, a Apple Card tamén promete xuros reducidos nas compras a crédito, así como facilidades á hora de definir a cantidade mensual que quere pagarse nunha compra a prazos.

Apple Arcade

O primeiro dos anuncios realizados hoxe que si terá impacto global foi Apple Arcade, un servizo de subscrición de videoxogos para dispositivos móbiles, ordenadores e televisores que ofrecerá máis dun cento de xogos novos e exclusivos mediante subscrición, incluíndo lanzamentos orixinais de desenvolvedores reputados (como Hironobu Sakaguchi ou Will Wright), que destacarán por carecer de anuncios, seguimento publicitario e compras dentro das aplicacións, ou sexa, que unha vez pagada a subscrición poderase gozar dos xogos con total tranquilidade.
Este servizo pode entenderse como a versión de Apple do Xbox Game Pass, por contar con máis dun cento de xogos mediante subscrición que desta volta estarán dispoñibles para iPhone, IPad, Mac e Apple TV, entre os que xa confirmaron títulos como Sonic Team Racing (de SEGA), Beyond a Steel Sky (de Revolution Software), LEGO Brawls, Oceanhorn 2: Knights of the Lost Realm (de Cornfox & Bros.), Projection: First Light (de Blowfish Studios) e Enter The Construct (de Directive Games Limited).
Apple Arcade chegará no outono a máis de 150 países, e o seu anuncio buscaría animar aos desenvolvedores a adherirse a esta iniciativa.

Apple TV+

Nos últimos anos Apple tivo certo lío de marcas sobre os produtos e servizos televisivos, de xeito que o dispositivo que ía chamarse iTV finalmente comercializouse como Apple TV (xa que a marca ITV corresponde a unha importante canle de televisión británica), polo que para dar nome ao servizos de vídeo por subscrición tiveron que facer a mesma xogada que con Apple News, de xeito que no outono teremos Apple TV+, servizo de pagamento que dará acceso a películas, series e documentais que contará con estrelas de peso como Oprah Winfrey, Steven Spielberg, Jennifer Aniston, Reese Witherspoon, J. J. Abrams, M. Night Shyamalan e Jason Momoa. Haberá que agardar ao outono para coñecer os detalles de Apple TV+.
Pero Apple tamén renova a aplicación de Apple TV, que avanza para convertese nunha plataforma de acceso a contidos de numerosos provedores, ou sexa, que esta aplicación para iPhone, iPad, Apple TV, Mac, Smart TV e dispositivos de streaming permitirá acceder aos contidos orixinais de Apple pero tamén a HBO, Showtime ou Starz, plataformas de requirirán un pagamento adicional, ou sexa, que Apple TV permitirá a construción de paquetes de contido, polo que podemos entender que Apple, en vez de competir con Netflix, está a seguir unha estratexia de agregación de provedores de contido na liña do que fan en España operadores de telecomunicacións como Vodafone ou Movistar (que permite contratar Netflix e HBO a través deles).
A nova aplicación de Apple TV tamén permitirá a compra e aluguer de películas e series da iTunes Store, e recomendará contidos de moitas aplicacións de streaming (como Amazon Prime Video), polo que pode converterse nunha ferramenta moi práctica que se sitúe no centro do consumo multimedia baixo demanda para os consumidores máis fieis á compañía de Cupertino.
Espérase que a nova aplicación chegue a iOS en máis de 100 países en maio e a macOS no outono. Os televisores de Samsung tamén recibirán a aplicación de Apple TV en primavera, para chegar máis tarde a Amazon Fire TV e televisores LG e Sony.

25 mar 2019 / 21:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito