Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Teresa González Costa gaña o I Premio Mome de Teatro Varela Buxán

A autora de O Grove inaugura a nova lista de A Estrada con ‘Madeira de gañador’

A Estrada. A estrea do premio de teatro convocado polo Museo do Moble e da Madeira de A Estrada (Mome), non podía ser mellor. A lista de gañadores abre cunha autora de luxo, Teresa González Costa, unha das voces máis anovadoras do teatro galego contemporáneo, con recoñecementos en diversos certames.

O xurado, formado polo xerente do Mome, Xosé Luna, o profesor Carlos Loureir e o lingüista Valentín García, abría onte a plica do traballo gañador, que leva por título Madeira de gañador. A obra, que fala da transformación do protagonista e a identificación do individuo coa madeira destaca, segundo se recolle na acta, pola súa "calidade literaria, o xogo escénico e a cohesión da obra dramática nunha única peza que amosa unha voz dramática anovadora".

A autora, natural de O Grove, recollerá o vindeiro día 24 o galardón, dotado con 1.000 €, unha figura en madeira de Manuel Fragoso e a publicación do texto.

González Costa, que ven de gañar o prestixoso premio Merlín de literatura infantil 2010 con A filla do ladrón de bicicletas, suma así outro premio á sua traxectoria, na que conta xa con recoñecementos como o Cunqueiro de teatro.

O premio de teatro do Mome, tamén como homenaxe ao patriarca do teatro galego, Varela Buxán, nado no municipio, completa o listado de premios literarios de A Estrada, sumándose aos de poesía, novela, e xornalismo. "Poucos concellos teñen premios para todas as modalidades literarias", lembraba Valentín García. Este galardón, como apuntou Luna, xurde tamén para por en valor o Mome como centro para o coñecemento e promoción da madeira e como referente cultural. Ao certame presentáronse 11 obras de gran calidade, versando sobre a madeira, o moble ou o mundo da árbore.

O alcalde, José López, destacou logo do fallo o grande nivel de A Estrada no plano cultural, "exemplo que debemos trasladar a outros eidos", dixo.

14 jun 2011 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito