Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
TRIBUNA LIBRE

Desde a terraza

    OLLAR A VIDA DESDE A TERRAZA. EIS A SUSTANCIA E O vórtice textual de Terraza, o último poemario de Fran Alonso, autor dunha obra importante tanto en narrativa como en poesía. Un macrotexto no que o escritor vigués se mergulla de cheo nas pucharcas máis desacougantes das sociedades urbanas contemporáneas, para amosarnos a penuria infinita e polimorfa das súas paranoias, miserias, soidades ou escravitudes. Un macrotexto que se prolonga arestora en soportes de sempre, en libros de papel e tamén no dixital, no twiter ou anexando códigos QR.
    A voz poética do seu último poemario, desde a mesa da terraza dun bar, contempla o andar da vida cotiá. Convértese así a terraza nun periscopio privilexiado desde o que o falante lírico, o home do caderno, fai de cronista do que contemplan os seus ollos -un axente dos servizos de intelixencia dun exército literario-, testemuña do cotián: dos grandes desexos e das pequenas satisfaccións; dos “desenganos con sabor mentolado”, da impudicia dos cus narcisos que montan nas motos que corren cara a ningures. Homes solitarios; á espreita indisimulada dun vello; coidadoras de ocasos; adolescentes escravos das teclas dos seus móbiles “como se fosen os fíos das súas vidas”; mulleres con expresión de fastío, xubilados que non saben que facer. Non falta ao reclamo da terraza a vida animal: as pombas teimosas e afoutas, os ácaros nos seus paseos parasitarios, os pardais algareiros, a insufrible contumacia das moscas. No entanto, non acuden as vítimas da crise, os parados. Eles e elas son xente sen terraza.
    Poesía realista, da experiencia, mais non itimista. O poeta conta, describe, interpreta, non canta. Con sobriedade e ironía por veces e cunha linguaxe que tende ao coloquialismo.
    Versos libres, alleos aos vestiarios convencionais, mais sen renunciar á forma, ao ritmo interior ou de significado nos seus múltiples niveis: ideas, tonalidades, imaxes de forte dinamismo expresivo. Metáforas moi suxestivas e orixinais e algunha afortunada instrumentación fonética (“lentes de lenta lentura”, p. 62).
    Poemas trasidos de expresividade que decorren o veo da realidade, falándonos sinxelamente da vida engastada no tempo que tamén é o que axexan os ollos curiosos desde unha terraza.

    25 mar 2017 / 20:55
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito