Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

Testemuña Carrère

    Alguén, alén das nosas latitudes, escribiu verbo da novela De vidas ajenas de Emmanuel Carrère: "Se vai ler un só libro este ano, que sexa este". Pouco máis se pode dicir desta peza narrativa, considerada pola prensa cultural francesa como a mellor novela do pasado ano. Os epítetos que colleitou esta "non-fiction novel", levan a mesma marca laudatoria: arrepiante, literariamente maxistral, o libro dun novo Dostoivski. Dada a súa natureza non ficcional, aínda que escrita con inmensa vitalidade narrativa, desde as fondas raíces da dor real, o libro demanda un achegamento a súa xénese: Emmanuel Carrère é escritor, guionista e realizador de cine e TV. No ano 2004 atopábase de vacacións, xunto coa súa muller, en Sri Lanka. O matrimonio facía augas, pero alí foron testemuñas doutras augas: as do tsunami que devastou o Sudeste Asiático. Desde o seu hotel viron de forma directa a desgraza dunha parella de compatriotas cuxa filla de cinco anos foi engulida pola onda. Aos poucos meses, xa de volta en Francia, Juliette, a irmá da súa muller, nai de tres meniñas, foi fulminada por un cancro. Propuxéronlle relatar esas historias pero semelloulle algo "obsceno". Mais o xuíz Étienne, amigo da cuñada, que na súa xuventude tamén fora vítima dun cancro, convenceuno de que todas esas experiencias extremas debían de ser contadas.

    Xurdiu así De vidas ajenas que cumpre co requisito da literatura necesaria do que falaba Susan Sontag. E cúmpreo porque todo iso aconteceu e E. Carrère cóntao de forma obxectiva e honesta. Existiu a onda que estragou vivendas e vidas. Existiu a tremenda esgazadura da parella francesa que presenciou a desaparición da súa filla entre miles de mortos. Tamén os xuíces Juliette e Étienne, apaixodos da xustiza, que, para alén de calquera vaidade "revolucionaria, loitaban a favor da xente con problemas de sobreendebedamento e para construír unha sociedade máis xusta. E a catástrofe íntima que fai que a muller de pouco máis de trinta anos comece a morrer, non foi unha entelequia. Testemúñao Carrère, narrando este veloz escorregamento cara á morte non como unha historia triste, porque enxalza a vida que latexa con forza debaixo dese río imparable que é o morrer. Endalí que, ao rematar a lectura deste texto, sentimos alegría e conforto pola parte de felicidade da que somos capaces de nos apropiar, sen deixala escapar. Libro á vez dramático e fermoso que afonda na traxedia e na dor, mais sen recursos lacrimóxenos e de cuxa lectura xorde a mesma experiencia da que fala Pierre Cazenave: "unha solidariedade incondicional coa insondable aflición que entraña a existencia humana".

    CRÍTICO LITERARIO 

    16 sep 2011 / 21:18
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito