Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MANUEL RUIZ RIVAS / ALCALDE DE RIBEIRA

“Todo o que non se puido facer está ben encamiñado para poder completalo nestes catro anos”

Nado en Ribeira o 4 de novembro de 1957. É licenciado en Dereito. Exerceu a avogacía como procurador dos Tribunais e foi xestor de actividades deportivas.Concelleiro de Ribeira entre 1987 e 1997, onde exerceu como tenente de alcalde e portavoz do seu grupo. É membro do comité local do PP de Ribeira. Foi deputado do Parlamento de Galicia e portavoz do PPdeG. Nas eleccións municipais de 2011 obtivo a maioría absoluta e resultou elixido alcalde e reelixido en 2015 e 2019.

Acaba de tomar posesión da alcaldía, como encara os catro anos do seu mandato?

Con moito ánimo. Este é un momento ilusionante, non só polas circunstancias da composición da Corporación, que nos obrigan a un maior esforzo de consenso e diálogo co resto dos grupos, senón tamén porque a magnitude dos proxectos previstos fan que esta sexa posiblemente a lexislatura máis importante da nosa historia.

Naturalmente non poderá alegar "herdanza recibida" porque foi reelixido. Que debía facer e non puido?

Hai proxectos esenciais para este municipio que non dou tempo a executarse no anterior mandato. Falo de infraestruturas como a comisaría, a estación de autobuses, ou o novo auditorio. Agora ben, todo o que non se puido facer está ben encamiñado para poder completalo nestes catro anos.

Preocúpalle a vostede gobernar en minoría.

Máis que aspirar a gobernar con maioría, penso que o máis importante é gobernar con consenso, con diálogo e con actuacións nas que todos os grupos se poidan ver representados. Noutras palabras, a clave dunha boa xestión é gobernar para todos.

Cales son os tres proxectos estrela que abordará inmediatamente?

O novo polígono industrial, a circunvalación e, en terceiro lugar, a renovación de equipamentos municipais, tales como a UAD, a Casa da Xuventude, a biblioteca ou os xa indicados estación de autobuses e auditorio.

A transformación do modelo de cidade que se está a dar en Santa Uxía, resulta extensible a outras partes do municipio?

Por suposto que si. De feito, xa o tentamos en Aguiño actuando na vía de entrada principal pero houbo demasiados obstáculos que non o fixeron posible. Si confío en que este modelo saia adiante moi pronto noutras parroquias como, por exemplo, Palmeira, onde se ten previsto efectuar unha intervención apadriñada pola Fundación RIA de David Chipperfield e cofinanciada pola Xunta.

O feito de que no concello riveirense haxa tanto chan protexido e conflúan un parque natural e un parque nacional, é unha vantaxe ou un inconveniente?

Claramente, unha vantaxe. Riveira vive da súa natureza e do seu mar e moi poucos sitios poden presumir dun patrimonio ambiental como o que aquí hai. Contar cun parque natural e outro nacional no noso territorio, máis que un problema para os veciños, ten que ser un motor económico. E entre todos temos que atinar para, preservando esa riqueza, saber aproveitala para aumentar o noso benestar.

Que opinión lle merece a polémica en torno á candidatura das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade?

Que unión fai a forza e que as actitudes localistas e partidistas non levan a ningunha parte. Sálvora acredita uns formidables valores dende o punto de vista ambiental que non desmerecen en absoluto os que poidan ter Cíes ou Ons. O valor do Parque Nacional das Illas Atlánticas no seu conxunto é infinitamente maior que a suma das súas partes.

É partidario de que desde os municipios se contribúa a frear unha das grandes preocupacións de Galicia que é o descenso de poboación?

Si, pero non de xeito que os concellos nos teñamos que pelexar entre nós, senón enmarcados nun plantexamento político amplo, de alcance autonómico. Os concellos podemos artellar medidas para non perder poboación, pero non a costa dos municipios veciños.

O CIS desvela a decepción dos cidadáns pola clase política. É dos que entenden que unha boa xestión pode romper esa tendencia?

Perante un político, é evidente que os cidadáns valoran a súa xestión e o seu traballo, pero por enriba de todo valoran que este labor sexa levado con transparencia e honestidade. Dos nosos actos depende mudar esa percepción.

Unha enquisa sinala que os mozos vivirán peor que os seus pais... Aínda que non sexa unha competencia específica, as corporacións teñen algo que dicir e facer neste terreo?

Por suposto que si, xa que dentro das nosas competencias podemos adoptar políticas que favorezan a formación ou tamén desenvolver un modelo de cidade que redunde nunha maior calidade de vida, máis humano e respectuoso co medio ambiente.

¿Garda algún segredo Riveira para que xurdan tan grandes deportistas como Ana Peleteiro, María Vilas ou Álex Vidal?

Non ten máis segredo que o talento dos seus protagonistas e a calor e o empuxe que lle dan aqueles que lles rodean. Se acaso, no Concello do que nos temos que preocupar é de seguir apoiando todos os deportes dende a base para axudar na medida das nosas posibilidades a que estes e outros éxitos sexan realidade.

Canto tempo dedica a mirar os ollos aos cidadáns e a escoitar as súas queixas?

A unha persoa hai que poder mirala aos ollos as vintecatro horas do día e atender a todo o mundo, tanto dentro como fóra do edificio do Concello.

E cales son as súas principais demandas?

Cando un particular pide falar co alcalde sole facelo máis polos seus problemas individuais que polos colectivos: demandas de servizos, saneamentos, arranxos, etc.

Preocúpalle a inestabilidade no goberno de Madrid? Pode influír no funcionamento dos municipios?

De feito, xa está a influír no funcionamento dos Concellos: levamos coa financiación conxelada dende fai dous anos e se seguen sen solucionar problemas como o da Lei de Estabilidade.

En Galicia vivimos nun país fermoso e envexable ou nos queda aínda moito por mellorar para estar ao nivel doutras autonomías?

Sempre quedan aspectos por mellorar, pero non para estar ao nivel doutras autonomías, que creo que xa o temos logrado fai tempo, senón para que esta magnífica terra que é Galicia se poida desenvolver nas súas moitísimas potencialidades.

Cal é o mellor consello que recibiu na súa vida e de quen?

O meu avó Manuel Rivas sempre me dicía: "haz bien y no mires a quien".

"Levamos coa financiación conxelada dende fai dous anos e se seguen sen solucionar problemas como o da Lei de Estabilidade"

13 sep 2019 / 21:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito