Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A distorsión

“Con Tony Lomba pasei medo pero grazas a el canto”

É un dos históricos da música independente galega para o que chegou a hora da verdade. ‘Separado temporalmente’ do seu compañeiro ‘suicida do escenario’ e despoxado do ‘Elodio’, “agora son o que aparece no DNI e xa non lle podo botar as culpas a ninguén”, confesa, lanza un disco case perfecto cos seus ‘seres queridos’ e deixa de ser “unha banda de café”. Baixo o título ‘Están ustedes unidos’, reflexiona sobre a “globalización” e aínda que dubida se é un canto ó nacionalismo, ten claro que “son un defensor do galego, que sempre foi un caldo de cultivo para que nos mangoneasen”

Eladio Santos aposta, esta vez si, á carta gañadora. Despois de tocar nunha chea de bandas prometedoras do panorama galego e de escandalizar e facer rir a partes iguais ó público dos concertos frikis de Tony Lomba& Elio dos Santos –memorable a súa irónica homenaxe á bandeira española que moi poucos entenderon–, lanza agora un sorprendente e maduro disco como Eladio y los seres queridos, Están ustedes unidos, gravado nos estudios Sonobox. O vigués mestura escuridade e luz, medios tempos con guitarras intensas e pousos electrónicos, e crear virtuais éxitos como La cruz, Viviendo con miedo ou Non quero perderte, a súa particular homenaxe ó galego. Pero o título que bautiza o segundo álbum roza a perfección e sorprende pola súa letra comprometida coa identidade nacional, e reflexiona: "si están unidos los estados o están atados y oprimidos". A súa mensaxe vai "contra a globalización e internet, que quere crear un supercerebro para todos", pero tamén a prol da esencia dos pobos cunha cultura minoritaria como a nosa: "as teses tipo Galicia Bilingüe son unha paletada, froito da incultura", afirma sen pelos na lingua, "e o noso atraso vén de que nos inculcaron durante moito tempo que o noso idioma non servía", confésanos nunha conversa na que descubrimos un home comprometido disfrazado de músico.

Por fin o disco ve a luz, despois de cociñarse durante tanto tempo. ¿Foi moi duro concibilo?

Tivo unha preprodución moi longa, case un ano enteiro. Contabamos cun método innovador, no que nós gravabamos na casa as pistas por separado, e os produtores remesturábanas e enviábanas, e ó final de todo cando tiñamos as cancións montadas fomos ó estudio.

¿Cambiaron moito as cancións neste proceso?

En realidade, cando hai máis diferenza foi no primeiro paso. Eu quería gravar para sempre na casa e non ir a un estudio, e era moi remiso. A primeira proposta foi: "Mándame dúas cancións e verás o que podemos facer con elas" e, como non perdía nada, envieinas. Cando chegaron, no Nadal do 2009, lembro que dixen: "Temos que facer o disco seguro", porque era brutal, e quería escoitar todo xa, o que podían facer con cada tema. Imaxina o lento que foi todo, cunha canción por mes.

E o resultado foi xenial...

Si, gustounos moítísimo e evolucionamos tanto...sempre dixen que eramos un grupo máis de café, e o máis indie que había porque nin sequera nos facían o son nas salas, eramos unha especie de unidade móbil e o faciamos todo nós. Lembro elaborar todo co anterior disco, desde a portada, e claro, agora todo o proceso foi diferente, pero segue aí dentro ese grupiño resultón de café con tres persoas. Agora o son é moito máis grande e para min, a pesar de que é máis musculoso, é todo máis doado, saio a tocar moito máis tranquilo ó escenario.

¿A que te refires?

Porque melloramos o método. Antes levabamos o son dentro, estabamos pendentes de moitas cousas. Ó principio de todo eu levaba a caixa de ritmo cos pés, os pedais...

Como un home orquestra...

Si, si era un home orquestra, polo que se fallaba algo, descentrábaste. Agora toco, canto e punto.

¿Por que cambiaches a Elodio por Eladio... estabas canso de que o escribisen mal nos carteis?

Non (risos). Sempre estaba rosmando na idea por aí e cando se fundou o grupo era para que realmente durase tres meses para cubrir a programación do verán na Casa de Arriba en Vigo, e propuxen que todos os mércores tocásemos. Así, púxenlle un nome como de cachondeo, como a un equipo de fútbol sete, e foise das mans. Ademais, unha amiga tarotista díxome que o de Elodio non era bo, que me ía traer máis sorte actuar co meu propio nome e xusto esa noite falaban de nós na radio como Eladio y los seres queridos e tomeino como un sinal. Lembro que chamei ó meu mánager e cando llo contei dixo: ¡¡por fin!!

Igual é que che gusta xogar co teu nome: Elodio, Elio dos Santos...

Eu non sei se será porque son moi fan de Pessoa e dos heterónimos, e moitas veces cambiar de nome dá licenza para tamén facelo de rexistro e ser outro, pero agora é distinto, son o que aparece no meu DNI e tamén é unha maneira de dicir: ‘aquí estou eu’ e non lle podo botar a culpa a ninguén (risos).

De todos os modos, a ti a maioría da xente lémbrate pola túa estraña parella con Tony Lomba. ¿Como fas para desdobrarte en dous personaxes tan distintos?

Non ten ningunha dificultade. A min gústame acompañar a Tony Lomba e é un pracer e unha aventura, porque nunca sabes como vai acabar a cousa. Levamos deixando de tocar xuntos dez anos e tocamos todos os anos... pero é como que simplemente, con que quedemos un día e tomemos algo, sempre acabamos facendo cancións. É difícil de parar.

¿Non che dá ás veces vergoña ou medo? Porque mira a que se montou en Caldas co da bandeira española, que case vos linchan...

¡Non me lembres iso! Pasei moito medo, pero con el xa pasei medo moitas veces, e o bonito é que che ensina a ver os límites da realidade (gargallada). Por min mesmo nunca me metería nesas leas, pero ás veces penso que igual canto grazas a el. Eu era o típico que tocaba a guitarra e se agochaba, non me gustaba o protagonismo e non cantaba. Pero despois de facer unha xira con el xa te curtes de todo, é un voo sen motor no que te atreves a todo.

Co grupo actual estás máis tranquilo. Cantas como un cantautor relaxado incluso...

De todos os modos, neste disco é o primeiro no que me escoito berrar. Ata agora realmente fixera pop de barítono moi baixo, porque eu traballo de noite na casa nun piso e non podo berrar porque se me botarían enriba os veciños, e o que fago é gravar nun ton e súboo en directo. É unha marca da casa, mola e chega directamente ó peito. Non me gustan as voces histriónicas, gústame o que está cantado dunha forma coloquial, como fai Lou Reed , e iso dálles forza ás palabras.

Pois falando de palabras...imos analizar algunha das cancións. A primeira, ‘La cruz’, chama a atención porque é moi escura e dis iso de ‘soy un suicida enamorado de la vida’...

Esa canción é moi vella. No proceso de preprodución dixéronme: "saca todo o que teñas por aí e o que fixeras nos últimos 15 anos porque seguro que hai algo que non valoras e que pode funcionar", e unha das cancións era La cruz, que aínda que a adoitabamos tocar é de 1998; probablemente a primeira canción completa que fixen e recuperámola. Gustábame para comezar porque tiña ese selo da guitarra de doce cordas, con esa entrada que ten, e unha letra moi clara e meridiana, pero a canción en si ten algo austero e demoledor porque só ten tres notas, é como o mínimo. Logo engadímoslle cousas e a levamos a onde está agora, a ser o single.

‘Están ustedes unidos’ é a máis comprometida politicamente falando, ¿non?

Si, é a canción da que máis orgulloso estou da letra, a que me deu máis traballo e a máis espectacular. Encántame.

Ademais, ten unha letra de rigorosa actualidade, ou senón mira a rebelión do mundo árabe...

Si, pero cústame falar do que digo nas cancións. Ás veces pasan anos ata que me dou de conta do que falaban, pero o que di é o certo, é o cumio de algo, non sei se se refire á creación desa conciencia global de internet e das redes sociais, porque estamos a punto de pensar todos ás veces é en crear un supercerebro cunha neurona. Tamén por ‘se están unidos os estados ou están atados e oprimidos’ hai algo dunha falsa concepción da unidade, non estou de acordo con ela, a de homoxeneizar todo. Non creo que non existe o ‘non nacionalismo’, cando algo non é nacionalista galego, é nacionalista español. Creo que hai sempre unha falsa tendencia a crer que se está no mundo falando en inglés. Os pobos que coñecemos son precisamente os que conservan a súa personalidade ou os que a potenciaron máis. Fíxate, que é o máis coñecido de España fóra: pois Andalucía, porque non falan en inglés e non oen blues e rock’n’roll porque cultivan a súa esencia. Hai algo contraposto, o local é o mais universal.

¿Es nacionalista galego?

Pufff...non o sei. Creo na defensa da cultura e sobre todo na dos idiomas, creo profundamente niso. Parécenme unha paletada total estas teses que aparecen ultimamente tipo Galicia Bilingüe, que me parecen froito da incultura e da desinformación, das cousas vistas moi por enriba, só hai que rascar un pouco e profundar, para ver que é un gravísimo erro, e parte do atraso a nivel económico de Galicia vén polo idioma, pero non porque non falemos inglés, senón precisamente porque nos inculcaron moito tempo que o noso idioma non servía. Imaxina, a xente ata non tiña conciencia de que o que eles falaban era un idioma créase iso... Lémbrome de Manquiña cando falaba da "carretera da circunsición", sen saber o que dicía, pedantemente. Cando os políticos falan cousas baleiras, o galego debeu abrazarse a iso, falar sen dicir nada, e así se alienou da política e foi o caldo de cultivo perfecto para que nos mangoneasen.

¿É ‘Non quero perderte’ a túa particular homenaxe ó galego?

É un pequeno xesto, pero en realidade era unha canción que xa tiña ese ritmo de pandeirada. Foi para un programa de televisión que quería que fixeramos algo diferente e cando llela enviamos aos produtores, daban por feito que a orixinal era en galego, e aínda souberon hai quince días de que era en castelán. Encántalles que sexa en galego, e aínda que algún amigo de aquí me dixo que lle gustaba máis en castelán, curiosamente, fóra isto non me pasa.

Agora que o disco xa está na rúa... ¿que expectativas te marcas?

Polo menos que funcione como o anterior e tocar moito, que é o que máis nos gusta. A expectactiva xa foi o feito de sacalo, unha pequena fazaña porque supuxo moito tempo e investimento e está difícil facelo hoxe en día. Sempre digo que agora que está de moda a austeridade, como nós xa o fomos toda a vida, pois tiramos a casa pola fiestra. Creo que o outro disco era máis para escoitar na casa, era máis lento, pero este é máis para tocar en directo, menos retraído e máis aberto, xa desde o título, véxoo con máis luz e é o que saíu.

¿Axudounos para darvos a coñecer o de participar no ciclo ‘Xirando por salas’?

Si, estivo moi ben. Aí avanzamos un pouco o son do grupo e fixemos moitos teloneos con Deluxe e Vetusta Morla e incluso tocamos con Amaral. Rodamos moito co anterior disco a pesar de que saíu no 2008, e deu ben de si. Ademais, axudounos moita xente, incluso do star system, á que lle gustou moito o disco e promocionouno, que Josele, ou Eva Amaral dixese na Rolling Stone que eramos o seu grupo favorito, pois que queres que che diga... axuda e puxeron o seu gran de area para que xurdise este disco.


¿É duro ser abreconcertos?

Si, é duro, pero hai de todo. Por exemplo con Deluxe sempre notabamos moito apoio do público, porque é moi melómano. Iamos a sitios no quinto pino e a xente coñecía as túas cancións pero era como que eran fans de Deluxe e eles de nós, así que todo se retroalimentaba. Si que fixen teloneos duros, e lembro que cando mellor cantabamos (rise) era cando máis leña nos metían, porque se nos ven como un abreconcertos que sae e ningúen lle fai caso...

¿Alguén inofensivo, non?

Si, si, es un sparring e punto pero se te pasas do papel danche leña, pero iso sempre pasa porque os grupos teñen os seus fans talibáns que te ven desde a competitividade, pero nunca tivemos problemas.

¿Como se presenta a axenda? Ata ides tocar no Vigo
Transforma...

Agora estamos de promo, e logo desde maio xa non imos parar. O plan é, despois de todo o que o curramos, tocar onde sexa e dalo todo, e cantarlles á vida e ó amor.

Que bonito... ¿ti que tiveches tantos grupos cres que agora é a definitiva e quedas cos ‘seres queridos’?

É que hai un problema, que xa non lle podo botar a culpa a ninguén. Antes cando estaba nun grupo cando levaba dous discos, ou incluso antes, empezaba a ver que iamos a perder o control e a ilusión e o que facía era botarlle a culpa a alguén ou a algo, pero agora son o xefe. Ademais, igual será polo nome, pero somos moi amigos e quéroos moitísimo, somos unha especie de familia.

MOI PERSOAL

O vigués Eladio Santos, é, sen dúbida, unha peza imprescindible para coñecer a evolución da música independente galega. Integrante de Medusa, Foggy Mental e metade de Tony Lomba&Elio dos Santos, pode ‘presumir’ de ser a estrela do Youtube o verán do 2010 pola súa actuación no Cultura Quente de Caldas, cun público que non entendeu o irreverente senso do humor do dúo. Máis calmo, lanza con Los Seres Queridos, novos talentos FNAC, o seu segundo e (perfecto) disco

01 abr 2011 / 20:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito