Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
PUNTA BALEA

Tranquilamente no seu cuarto

    NESTES días de encerro, moitos lembraron a frase do filósofo Pascal: “A meirande parte dos males dos homes proceden de non saber quedar tranquilamente no seu cuarto”. A verdade é que Pascal pertenceu, puro paradoxo, a esa caste de homes que non sabían ficar na súa casa. Foi precisamente ese seu carácter curioso, desasosegado e en permanente indagación sobre todos os aspectos do mundo e do trasmundo o que o convertiu en físico, matemático, teólogo, empresario, inventor e ensaista.

    Un dos seus logros mais citados é a invención da roda pascalina, un curioso artefacto que foi a primeira máquina de cálculo, e que creou para axudar ao seu pai nos labores de contar e recontar os impostos en Normandía, onde era recadador. Como corresponde a un invento creado para calcular impostos, a máquina so servía para sumar, ainda que posteriormente perfeccionou o trebello para que tamén puidera restar. A curiosidade e a perspicacia de Pascal levárono a propoñer teorías e facer experimentos no terreo da hidrodinámica, da estadística aplicado aos xogos de azar e do cálculo infinitesimal. E todo iso, sen deixar de participar en polémicas entre jansenistas e xesuitas, en parladoiros literarios , e en mil enredos relacionados coa teoloxía e coa ética. Tan afeccionado era Pascal a non permanecer tranquilamente no seu cuarto que foi socio da empresa Les carrosses à cinco sols, unha frota de carruaxes para ser compartidas na cidade de Paris, con percorridos e paradas fixas, como os actuais autobuses urbanos. A aventura comezou en 1662 e foi un éxito, pero a morte de Pascal pouco tempo despois de iniciarse malbaratou o negocio. E París necesitou un século e medio para volver ter un sistema de transporte público.

    Pascal foi mais alá nos seus pensamentos sobre a dificultade das persoas para permanecer nas súas casas. Reflexionou sobre a nosa necesidade de entretementos, tanto os mais banais como os relacionados coa conquista e o exercicio do poder. Cando nos faltan os entretementos , dicía mais ou menos Pascal, comezamos a pensar na fraxilidade da felicidade , da saúde e da vida mesma. Como el mesmo foi tendente á depresión, concluíu que buscamos ocupacións que desvíen os nosos pensamentos e por iso amamos o ruído e o movemento.

    A pesar dos séculos transcurridos desde que o Pascal escribiu as notas soltas e algo enredadas que nos deixou , algo permanece igual na codición humana e estar entretidos segue a ser a mellor maneira de estar tanquilamente na nosa casa, como podemos comprobar estes días : por iso os xornais nos achegan cada día listados con mil libros, películas, series, obras de teatro, xogos, receitas, cancións e concertos. E todas esas cousas, deixenme lembralo, son obra de escritores e de cineastas, de músicos e de creadores.

    Supoño que é unha boa razón para reivindicar a utilidade social dos creadores. É certo que de cando en vez necesitan dos cartos e das axudas públicas, pero xa ven que resultan convenientes e necesarios e mesmo imprescindibles . E tamén, chegado o caso, son terapéuticos.

    30 mar 2020 / 22:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito