Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tres grandes súmanse á Colección Clásicos do Pensamento Universal

Coeditados pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación BBVA, trátase dos libros 'Leviatán', 'Sobre a liberdade' e 'Unha breve historia do tempo'

Leviatán, de Thomas Hobbes; Sobre a liberdade, de John S. Mill, e Unha breve historia do tempo, de Stephen Hawking, son os tres novos volumes que acaban de sumarse á colección Clásicos do Pensamento Universal, que coeditan a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación BBVA dende o ano 2002 e que ten 31 títulos.

O reitor Antonio López presidiu a presentación das novas incorporacións nunha sesión no Colexio de San Xerome na que participaron a directora de Comunicación e Relacións Institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca Zarasqueta; o director da colección, o catedrático Darío Villanueva; o director de publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés, e os prologuistas e tradutores das obras María Xosé Agra Romero e Vicente Araguas, Xosé Luis Barreiro Rivas, José Edelstein e Jorge Mira.

"Dende a unánime consideración de que Thomas Hobbes é o fundador da filosofía política moderna, Leviatán (1651) resulta unha obra clásica do pensamento, complexa que aínda sorprende e non deixa indiferente a ninguén".

Con estas verbas, a profesora María Xosé Agra Romero, prologuista do volume, introduce o primeiro dos clásicos. Leviatán "posúe unha particular envergadura que segue interpelando e retando, impresionando e, tras máis de tres séculos e medio dende a súa publicación, estimulando unha profunda reflexión sobre a política", engadiu ao respecto.

Lembrou o profesor Xosé Luis Barreiro Rivas que cando Sobre a liberdade entrou en imprenta en Estados Unidos e Europa estaban asentados "os primeiros sistemas liberais nos que foron callando as ideas nutricias da Revolución francesa".

Os profesores da Facultade de Física José Edelstein e Jorge Mira, este último tamén tradutor, prologaron a tradución ao galego de Unha breve historia do tempo, "unha obra fundacional, que semella non beber de fonte algunha nin estar contaminada pola influencia de textos anteriores; na que Stephen Hawking senta as bases do que habería de ser a divulgación científica para centos de libros posteriores".

Tanto o director da colección, Darío Villanueva, como o reitor, Antonio López, ensalzaron un traballo que comezou en 2002 e que conta con 31 volumes de clásicos de todas as ramas do coñecemento traducidos ao galego.

Silvia Churruca, da Fundación BBVA, destacou que o "obxectivo é impulsar e difundir o coñecemento", e que esta "alianza estratéxica permite recoller frutos grazas a unha gran labor".

26 feb 2019 / 22:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito