Trescentos estudantes de Valga e da contorna asistiron no auditorio ao concerto didáctico "Deriva"
Acudiron alumnos dos colexios Baño-Xanza e Ferro Couselo e dos institutos de Valga e Padrón // Catro músicos interpretaron temas das compositoras Lula Romero, Katharina Rosenberger e Victoria Cheah
O ciclo de concertos En Ruta, que se enmarca no programa O teu Xacobeo, organizado pola Xunta de Galicia para promover actividades de dinamización na antesala do Ano Santo 2021, desembarcou no Auditorio de Valga coa proposta musical Deriva.
O domingo pola tarde celebrouse unha primeira sesión aberta ao público e esta mañá tivo lugar unha función didáctica coa presenza de máis de trescentos estudantes de catro centros educativos de Valga e da contorna: o CEIP Plurilingüe Baño-Xanza, o CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo, IES de Valga e o instituto Camilo José Cela de Padrón.
Deriva reivindicou a importancia do canto como vehículo de comunicación no Camiño dende a Idade Media e, en concreto, das mulleres poetas cuias achegas quedaron practicamente reducidas a anécdotas e raras veces se recolleron na historia da literatura medieval.
O concerto correu a cargo de catro músicos a frautista Clara Saleiro, o percusionista Diego Ventoso, o pianista David Durán e Pablo Coello co saxofón, que interpretaron temas da compositora galega Lula Romero, da suíza Katharina Rosenberger e da norteamericana Victoria Cheah.