Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 02 junio 2020
09:05
h

TRINTA MÚSICOS PARTICIPAN NO CONCURSO DE SOLISTAS QUE SE CELEBRA NO AUDITORIO MUNICIPAL

O certame é organizado pola asociación Música Viva, coa colaboración do Centro Superior de Música // Os gañadores daranse a coñecer esta tarde, ao remate das audicións

Trinta músicos participan durante a xornada de hoxe no I Concurso de Solistas de Galicia, que se celebra no Auditorio Municipal baixo a organización da asociación Música Viva de Pontevedra e coa colaboración do Centro Superior de Música de Valga (CSM Galicia).

Pola mañá tiveron lugar as actuacións dos 18 participantes inscritos na 1º categoría do concurso, á que podían concorrer músicos de entre 10 e 14 anos de idade, que interpretaron un programa de entre 4 a 10 minutos con dúas obras ou movementos contrastantes.

Durante a tarde será o turno dos inscritos na segunda categoría, un total de 12 solistas de entre 15 e 20 anos que cursan estudos de Grao Profesional. Neste caso, presentarán un programa cunha duración de entre 8 e 20 minutos no que interpretarán dúas obras ou movementos contrastantes.

O xurado encargado de valorar as actuacións está integrado por cinco membros, entre eles Manuel Villar Touceda, director do CSM Galicia e da Escola Municipal de Música de Valga. Acompáñano Juan Cernadas, Nerea Rodríguez, Alba Reirís e Sergio Gómez, membros da asociación Música Viva.

O tribunal dará a coñecer aos gañadores esta mesma tarde, unha vez rematadas as audicións. Os premios para os primeiros e segundos clasificados das dúas categorías serán: dar un concerto coa orquestra do Centro Superior de Música, ofrecer un concerto no ciclo “Música no Museo” e un 20% de desconto nunha masterclass da súa especialidade. Ademais, o primeiro clasificado da categoría de 15 a 18 anos acadará un 10% de desconto na matrícula do Grao Superior no CSM para o curso 2020/2021.

26 dic 2019 / 23:27
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito