A Ulla puxo fin a unha vendima que colleitou froito de moita calidade
Faltan os datos oficiais, pero semella que a recollida foi moi semellante en cantidade á do ano pasado // O tempo solleiro das últimas semanas foi clave texto Víctor Furelos
A vendima chega ó seu fin na Ulla. Sen sorpresas. Todo estaba anunciado. Calidade moi boa, maduración excelente, colleita semellante á pasada, aínda que algunhas parcelas tiveron un pouco menos de froito que na última vez. Os bodegueiros están satisfeitos.
A primavera foi complicada porque deu algo de mermas. As condicións meteorolóxicas na fase de floración non foron as mellores e tamén se detectaron algúns ataques de pragas en maio que foron atallados a tempo. Pero chegou o verano e as plantas agradeceron, e moito, unhas temperaturas que lle aforraron un estrés hídrico e sobre todo aproveitaron o sol de finais de agosto ata mediados de setembro.
O tempo portouse ben co viño, ata o punto de que en algúns sitios a vendima adiantouse dez días. As previsións, despois de que os técnicos efectuaran mostras dos viñedos e a pesaxe de racimos, eran optimistas e tras analizar un 45,9 por cento das 4.045 hectáreas de superficie produtiva de toda a denominación de orixe, esperaban unha colleita en valores similares ó ano pasado. E despois de comprobar os primeiros datos facilitados polas bodegas así parece que vai ser.
Non hai aínda datos oficiais, pero na Ulla os colleiteiros celebraron o tempo solleiro das últimas semanas que axudou á maduración. O descenso podería cifrarse nun cinco por cento con respecto á pasada vendima, pero eso non quere decir que as cifras sexan peores, xa que a zona da Ulla amparada por Rías Baixas medra cada ano porque cada vez hai máis superficie de viñedo. Lonxe quedan as 78,2 hectáreas do ano 2005 que se convertiron nas 184,8 rexistradas na actualidade.
O que chama moito a atención son as cifras que amosa a Ribeira do Ulla. Máis que un enclave bodegueiro semella ser unha fábrica de uvas para adegas de outras subzonas. Do 1.554.177 kilos de uva recollidos en 2018 só 538.766 encheron as botellas das bodegas da zona, apenas un 34 %. Porque 1.089.749 foron transportados en camións a outras subzonas.
E outro dato a ter en conta é que un 97,26 % do viñedo da Ulla amparado polo consello regulador é de albariño, sendo a segunda variedade en abundancia o brancellao e a terceira a treixadura.
Cando a Ulla entrou en Rías Baixas foron moitos os que denigraron o seu viño. Hoxe as súas bodegas compiten cas mellores. E ademáis, moitos adegueiros doutras subzonas buscan a súa uva para aportarlle máis grado ó seu viño. Poucos discuten hoxe a calidade do froito que da a Ulla.
É máis, nos últimos meses houbo destacados movementos por parte de importantes bodegas, que adquiriron ou alugaron extensións grandes de terreno co obxectivo de plantar viñedo.
Esta vendima volve deixar claro que o estado sanitario da uva da Ulla despois de regatear a botritis, o mildiu ou o oidio e a súa maduración, con unha graduación envexada por todos, son avales suficientes para decir que a Ulla xa é parte importante de Rías Baixas.
{ COUSAS DO DEMO }
A mellor fábrica de uvasé unha magoa que as grandes bodegas das Rías Baixas non fagan unha aposta decidida pola Ulla instalándose na comarca en vez de achegarse só para levar a súa uva. Porque un 65 % da colleita vai parar a bodegas que é certo que levan o sello de Rías Baixas, pero que son de outra subzona. E algúns dos que proban ese viño alardean de que o albariño da beira do mar é unha ledicia e que o de terra adentro é noxento. Sería necesario explicarlle na etiqueta a esos entendidos que o que están a beber saiu da terra da Ulla? Valería de algo obrigar a indicar a procedencia da uva? De pouco serve lamentarse. O que é certo é que hai calidade. Só falta que a fábrica de uvas se convirta xa na fabrica do mellor viño de Galicia.
O PROTAGONISTA
Manuel García GómezPropietario da bodega Pazo de Galegos
"A maduración foi espectacular"