Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os últimos informes da mina de Touro paralizan o proxecto

Poñen fin á tramitación ambiental as negativas de Augas de Galicia e Patrimonio Natural // O Goberno galego asegura que non se garantiza a sostibilidade // A empresa mineira poderá recurrir a resolución mediante contencioso

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, comunicaba onte que os dous últimos informes sectoriais (o de Patrimonio Natural, dependente de dito departamento, e o de Augas de Galicia, do de Infraestruturas) son desfavorables. O goberno local puxo así fin á tramitación ambiental da iniciativa mineira, que se iniciara en outubro do ano 2018. A partir daquí, segundo apuntou a representante autonómica, a resolución "será publicada en breve no DOGA" e xa se fixo "a pertinente comunicación" aos alcaldes afectados, os de O Pino e Touro, e á plataforma veciñal.

Dende a Executivo galego explican que "con total claridade e rigor" tras os informes técnicos desfavorables "optan pola obriga de velar pola sostibilidade en dous eidos: o económico e medioambiental". Vázquez asegurou que "tal e como está redactado o proxecto non se garantizaba dita sostibilidade medioambiental, motivo polo cal nesta Consellería concluíu o expediente para trasladalo á de Industria".

Concretamente, a negativa da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) baséase, "por unha banda, na constatación dunha afección real na zona derivada da actividade proposta e, por outra, no recoñecemento de que o proxecto aumentaría a presión hídrica sobre o río", indican dende a Xunta. Así, o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural sinala que esta actividade desenvolveríase nun espazo próximo a unha Zona de Especial Conservación (ZEC), sen que queden acreditadas as correspondentes medidas protectoras e correctoras necesarias. Asemade, "outro informe solicitado neste caso a Augas de Galicia conclúe que a actividade mineira aumentaría a presión hídrica sobre as augas da contorna, non podendo garantir un estado ecolóxico óptimo", indicaron. A pesar de todo, aclararon que agora a empresa mineira, como todo promotor, poderá recurrir.

Hai que lembrar que, antes de poñer en marcha calquera explotación mineira, debe facerse unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA). É un trámite que analiza os principais problemas que unha actividade ocasiona ao medio para tratar de mitigalos. Este estudo faise público e envíase ás administracións afectadas para que o analicen. O Proxecto Touro obtivo o visto bo de trece dos quince que se elaboraron.

Dende a Consellería de Medio Ambiente aseguran que "o ditame negativo está avalado por informes técnicos e polo propio marco lexislativo actual", vixiando sempre, incidiu Ángeles Vázquez, "que as iniciativas que se leven a cabo na comunidade, con independencia da súa natureza, cumpran con todas as garantías técnicas, ambientais e urbanísticas e os requirimentos que marque a lei", sentenciou.

TOURO E O PINO

falan os alcaldes

••• O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, amosouse sorprendido, posto que "crin que a iniciativa iría para adiante", asegurou. "Estariamos encantados de que chegase a mina, pero é necesario que todo estea en orde. É algo que sempre defendimos". Con todo, "consideramos que, se hai material non hai problema en explotalo", engadiu o rexedor.

••• Pola súa parte, o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, agarda que esta publicación da Xunta "sirva para que remate o conflito entre a veciñanza que estaba a favor e en contra. Sempre mantivemos que non tiñamos competencia para opinar sobre este tema. O que fixemos foi facilitar que os veciños recibiran información para que se posicionaran". Agora "a empresa ten aínda mecanismo para recurrir esta resolución", dixo.

A PROTAGONISTA

Ángeles Vázquez

Conselleira de Medio Ambiente "trátase de dictames insalvables"

A conselleira informou que, ademais de publicarse no DOGA, calquera cidadán vai poder comprobar de primeira man o calado destos informes, xa que se van expoñer no apartado de Transparencia da Consellería. Respecto ás posibilidades da empresa de presentar alegacións, indicou que "todo promotor ten dereito a recurrir a un contencioso" e que, polo tanto, é unha vía pola que tamén eles poderán optar. Ante esta decisión, quixo deixar claro que "por suposto" só pesaron "única e exclusivamente os informes dos técnicos" e non "as manifestacións". "Trece informaron favorablemente e dous non", sinalou, engadindo que, "cando se trata de dictames insalvables, ao final a dirección correspondente asina unha vía negativa. A DIA "tramitouse con absoluto rigor desde o punto de vista medioambiental, urbanístico e mineiro", sentenciou a conselleira.

28 ene 2020 / 20:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito