Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

Un Carver pouco carveriano

    A vida e a obra de Raymond Carver (1939-1988) aléitase na lenda. Descoñecido cando en 1981 o seu editor Gordon Lish publicou What We Talk About When We Talk About Love (non existe tradución ao galego) despois dunha demouca de máis do 50%, cando finou en 1988, pasaba á historia como un dos grandes referentes literarios dos últimos trinta anos. Un dos escritores eximios de América, xunto con Chéjov quizais o mellor contista do século XX. Pai do realismo sucio e un dos piares do minimalismo. A voz máis xenuína da Norteamérica contemporánea agasállanos -ou iso pensabamos- cunha literatura minimalista esteada no omitido (Harold Bloom). Foi Hemingway o iniciador da literatura minimalista, pero é Carver o nome que se asocia por antonomasia con esa estética literaria. O Carver editado pro Gordon Lish, nomeadamente o da obra arriba amentada. A secura da súa prosa, un estilo elíptico, a monotonía na que habitan os seus personaxes, "diexesis parsimoniosas" e, sobre todo, os seus inesperados e pavorosos desenlaces convertérono no paradigma da narrativa minimalista.

    Pero no ano 2009 apareceu publicado en Londres a versión orixinal da obra que o fixo famoso e foi traducida ao español por Anagrama co título Principiantes. Agora sabemos do traballo implacable, pero certeiro do editor que eliminou títulos, páxinas enteiras e cambiou finais convertendo o inglés de Carver nesa coitela que talla pezas de prosa austera e exenta de enfeites, despoxándoa de todo agás a cerna da emoción humana. Un bo exemplo é o relato "Dile a las mujeres que nos vamos". Unha trama moi sinxela: dous amigos, Bill e Jerry, unidos dende a infancia. Entre os dous mercan un coche. Un domingo collen o coche e dan un paseo. Atopan na estrada a dúas rapazas coas que coquetean. Elas deixan a estrada e camiñan por un carreiro. Séguenas Bill e Jerry. Bill, desalentado para e prende un cigarro. Aquí remata a historia, pero o lector atopa estas liñas para un final fulminante: "Nunca entendeu o que quería Jerry. Pero todo comezou e rematou cunha pedra. Jerry empregou a mesma pedra coas dúas rapazas, primeiro sobre a que se chamaba Sharon y despois sobre a que debería ser de Bill". Unha frase cortante, impersoal, inexorablemente inhumana. Mais este final no é obra de Carver, senón de Lish. No canto do mesmo, Carver escribira seis páxinas que Lish podou sen piedade. Carver cóntao todo, sen lle dar ningunha oportunidade á omisión, a ese ton formidable, á ferocidade dun final que, precisamente polo omitido, foi considerado un tótem referencial. Xa que logo, son pertinentes os inquéritos: ¿De que falamos cando falamos de Carver? ¿Quen é o seu creador? ¿El mesmo ou o seu editor?

    20 ene 2012 / 21:54
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito