Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

"É un escándalo que o PP tivese agachado o proxecto do litoral"

Pastor Rodríguez denuncia que seis días antes de asumir o bipartito (PSOE-BNG) a Alcaldía do Son os populares anularon o acordo para facer as obras

O alcalde de Porto do Son, o socialista Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, pídelle responsabilidades ao Goberno galego pola ocultación da anulación da obra de remodelación do bordo interior da fachada marítima da localidade.

-A día de hoxe, ¿que sensación ten da súa experiencia á fronte da Alcaldía?

-A miña sensación é positiva, porque é unha honra traballar a prol da vila onde un naceu. Recoñezo tamén que a carga de traballo é moita, pero a miña familia é moi comprensiva coas longas xornadas laborais que lle dedico á Alcaldía.

-¿En que situación se atopa a remodelación da fachada marítima do Son?

-É un escándalo que o PP tivese este proxecto agachado durante meses. Seis días antes da entrada do novo goberno do PSOE-BNG revogaron o acordo coa Xunta para a adxudicación provisional das obras, que estaban cofinanciadas por fondos Feder, perdendo non só o importe da actuación, senón que ademais houbo que pagarlle á empresa máis de 63.000 euros máis IVE.

-¿E agora que pasará?

-É un asunto gravísimo do que se seguirá a falar durante moito tempo non só en Porto do Son, senón tamén no Parlamento de Galicia. Un escándalo só co ánimo de prexudicar o novo goberno entrante e de paso a todos os sonenses, e diso deberán responder ante eles, agora e nas próximas eleccións municipais. Temos documentación que avala o que digo.

-¿Que previsión fai sobre as bandeiras azuis para 2011?

-Seguir a traballar para conseguir máis bandeiras azuis, sobre todo para as praias de Ornanda e as Furnas, ademais de manter as que temos nos areais de Cabeiro e Aguieira.

-¿Celebraranse este ano as Xornadas de Historia?

Si, vanse celebrar as IX Xornadas de Historia e Cultura do 9 ao 12 de agosto e xirarán ao redor de Emigración: pasado e presente, dirixidas por Manuel Mariño del Río.

-¿Que me di do anuncio feito polo PP das actuacións no Castro de Baroña?

Rirme. O señor Tomé (portavoz do PP sonense) non gobernou cando era alcalde, e agora que xa é tarde pretende facer de goberno municipal. As actuacións necesarias no Castro de Baroña lográronse grazas ao labor do Goberno bipartito, o que pasa é que o PP a escala local e a escala autonómica ten o feo costume de confundir a política de partido coa política institucional, ignorando que Galicia que non é unha leira de propiedade privada.

-¿Cónteme o que pasou?

-Tomé enviou en outubro de 2009 toda a documentación, sen rexistro de saída, provocando unha situación inverosímil nunha relación entre administracións, polo que o actual goberno tivo que renunciar primeiro á obra, porque o promotor era o Concello, e logo arranxalo coa Xunta para que se puidese realizar nas condicións debidas, encargándoselle ao mesmo arqueólogo, Ángel Concheiro, pola resolución do director xeral do Patrimonio Cultural o 6 de xullo deste ano e co custo da obra con cargo á Xunta de Galicia.

_O Concello acaba de sacar á rúa unha guía turística. ¿Que me di dela?

É unha guía sinxela, clara, magnificamente ilustrada, que ten ademais o mérito engadido de ir impresa en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés. Levará un anexo que se actualizará anualmente cos datos sobre hostalaría e teléfonos de interese do municipio para os nosos visitantes. Colaborou un número importantes de persoas, coordinadas polos concelleiros de Turismo e Cultura, os señores Joaquín Chouza e Ramón Quintáns.

delegnoia@elcorreogallego.es

25 jul 2010 / 00:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito