Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
FIRMA INVITADA

Un exercicio de responsabilidade

    Leo estes días con gran preocupación sobre as diferentes posturas na nosa sociedade sobre o chamado "Decreto do galego", que dan conta dunha alarmante fractura social entre os que consideramos que o idioma nai de Galicia debe ser un motivo de orgullo, e polo tanto, de potenciación sociocultural, e algunhas "pseudoelites" das nosas cidades, alarmadas por un suposto risco de desaparición do idioma castelán en Galicia.

    O Partido Popular, no que milito xa hai anos, ten unha obriga moral de defender un dos alicerces fundamentais da nosa cultura como é o galego. O partido escollido pola maioría da nosa sociedade ten que saber que nel estamos xentes de diferentes sensibilidades, que nos preocupa a ambigüedade co noso idioma, a defensa da nosa cultura e promoción de todo aquilo que son os nosos sinais de identidade como pobo diferenciado, cunha visión do Estado complementaria e non excluente. Por iso expreso a miña decepción con algúns sectores do partido que tiñan que liderar o sentimento galeguista que moitos militantes temos, e que están sospeitosamente calados nun momento tan importante para a nosa cultura como é un debate sobre o idioma de Galicia, que pode abrir unha importante fenda na nosa sociedade. Quede claro que non só non comparto ese silencio, senón que o rexeito e critico, con humildade, pero con absoluta determinación. Cónstame que no partido non existe un pensamento unívoco con esta teima, precisamente por chegar a tantos extractos sociais diferentes, o cal fala da súa grandeza. Algúns seguen a facer distincións entre os chamados da "boina" e os do "birrete", unha diferenciación que eu nunca compartín, pois eu sempre a fixen entre os que tiñan como prioridade absoluta os intereses da nosa terra, a súa cultura e a súa "autoidentificación" con políticas ambiciosas e achegadas aos problemas do noso pobo, e os demais... Desa maneira puxo os vimbios o presidente Albor, e interpretouno exemplarmente o presidente Fraga.

    O liderado da sociedade galega implica unha gran responsabilidade, a de gobernar para todos, polo que non entendo os complexos que algúns manifestan no seu subconsciente co galego, propios de xentes dispostas a que unha riqueza cultural infinita como é o caso da existencia dun idioma propio que nos identifica como pobo, poida caer algún día na marxinalidade que outros pobos de Europa tristemente teñen cos seus idiomas nai, como é o caso do Bretón ou o Gaélico. Por iso pídolle ao partido sensibilidade, responsabilidade e demostración de orgullo co noso idioma. Ao Partido Popular de Galicia que eu mamei ninguén podía darlle leccións de galeguismo; hoxe, ás veces, non o teño tan claro.

    Ou non?

    20 jun 2009 / 21:02
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito