Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un experto da USC é o responsable de atopar a 'nova física'

Abraham Gallas, 'cerebro' no CERN dun dos detectores do acelerador de partícula

O investigador do Grupo de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago Abraham Gallas Torreira foi designado responsable do Silicon Tracker, un dos detectores que compón o experimento LHCb no Gran Colisionador de Hadróns (LHC), o maior acelerador de partículas do mundo que opera en Xenebra (Suíza), según informó onte a USC.

Este preciso instrumento, cuxo custo supera os catro millóns de euros e onde participan a Escola Politécnica Federal de Lausanne xunto coas universidades de Zurich, Heidelberg e Santiago, encárgase de buscar novas partículas máis aló do Modelo Estándar, a teoría que describe as partículas fundamentais e as súas interaccións.

A designación deixa a dirección do detector nun "físico de grande experiencia" e supón, como sinala o catedrático Bernardo Adeva, o recoñecemento dun "labor de dez anos de propostas, deseño, probas, construción, instalación no CERN e operacións co acelerador que ten desenvolvido o grupo de investigación compostelán".

Gallas foi designado este ano Project Leader do Silicon Tracker de LHCb, un dos seis subdetectores deste experimento do LHC dedicado ao estudo dos quarks b. A análise das desintegracións das partículas formadas por estes quarks pesados e anti-quarks lixeiros (chamadas mesóns B) podería achegar novas pistas sobre porque o Universo está formado de materia e non de antimateria.

 

Rastreador de silicio. O Silicon Tracker (literalmente rastreador de silicio) "é un detector clave para o experimento", asegura Abraham Gallas, composto por dúas partes diferenciadas que en conxunto suman 12 metros cadrados de detectores de silicio e 300.000 canles electrónicas de lectura, e ao que están asociados un equipo humano que integra unha trintena de científicos e enxeñeiros.

O investigador da USC coordina as operacións deste detector, que se realizan entre distintos grupos de traballo, o que "implica interaccionar fortemente co resto do equipo de xestión para asegurar que atendemos aos obxectivos impostos polo noso programa de investigación en LHCb", explica Gallas.

Ademais, o Silicon Tracker atópase nunha rexión de LHCb fortemente irradiada polas colisións de partículas que se producen no LHC, "o que nos obriga a un seguimento continuo do detector" para minimizar os danos.

Dende Santiago a estadías en Harvard

•••Abraham Gallas licenciouse e doutorouse en Ciencias Físicas na USC, tras o que realizou estadías posdoutorais nas universidades de Harvard e Northwestern (EEUU), así como no Organismo Europeo para a Investigación Nuclear que opera o LHC, e no Instituto Nazionale di Fisica Nucleare de Italia (INFN), antes de regresar cun contrato Ramón e Cajal ao Grupo de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago de Compostela. Este é un dos 26 grupos de investigación españois que forma parte do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear, proxecto Consolider 2010 que promove a participación coordinada en grandes experimentos internacionais como LHC.

08 sep 2011 / 00:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito