Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
TRIBUNA LIBRE

Un galego fácil e doado

    Sorprendeume a súa morte, pois había tempo que nin o vía a el nin a Loly nin a Pabliño, os que eu coñecía, ademais de seus pais Eliseo e Consuelo. Cando lle concederon o premio “Blanco Amor” chamáralle por teléfono e parolamos ao longo de media hora; pero despois, ao vivirmos o un lonxe do outro e non convocarnos un traballo común que esixira a presenza física, ía pasando o tempo sen saber o un do outro.
    Cando comecei a traballar no Novo Testamento en galego, el axudoume abondo. Tiña un galego desenfadado, fácil, transparente, coma a auga. Eu estaba de vicerreitor no Seminario Maior e el era un seminarista dos últimos cursos. Cando había unha ponte, traballabamos na tradución do Evanxeo segundo San Xoán no seminario, ou ía comigo a miña casa, e tamén fomos unha vez a San Esteban do Campo. Coido que ambos os dous sacamos proveito, pois el dicíame cal era o vocábulo axeitado ou ben a mellor expresión para responder ao que eu vía que dicía o texto grego, e el podía comprender tamén con que seriedade acometiamos a tradución dese libro da Biblia.
    Naqueles tempos do inmediato postconcilio, el era un mozo preocupado polo senso da súa vida, e, como crente, tiña unha liña que podiamos considerar de centro esquerda, moi en consonancia coa súa idade. Na vida do seminario, naquel tempo no que os formadores saiamos ás veces cos alumnos, eu deixárame animar por el, e fomos ver Manhatan: non a illa neoiorquina, se non a película de Woody Allen. Eu notábao mais inspirado neses eidos do que estaba eu; pero ambos os dous saímos ledos, despois de vela película, e mesmo a comentamos mentres tornabamos ao Seminario.
    Nos seus últimos tempos de Seminario, díxonos ao Reitor e mais a min que pensaba deixar o camiño que ata entón seguira, e só nos pediu que lle permitíramos rematar o curso, comprometéndose el a levar unha vida que non desentoara do sitio onde vivía. Mesmo o encargamos de atender á Residencia San Martiño, para o ano seguinte, mentres facía os estudos de Psicoloxía.
    Despois coñecín a Loly, e mais adiante a Pauliño. Ás veces lin algún dos seus artigos en EL CORREO GALLEGO, diario no que a súa columna era algo habitual. Mágoa que tan axiña nos deixara. Gustaríame estar en condicións de volver a San Esteban do Campo, e penso ir visitar o seu sartego. Ben merecido ten o acougar no camposanto de alí, a súa terra, despois de ter meditado tanto sobre o senso da vida. Que o Señor, no que el cría, lle conceda unha Pascua doada e feliz, eterna!

    19 abr 2017 / 20:35
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito