Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
TRIBUNA LIBRE

Un galego na Lúa

    A CONMEMORACIÓN dos cincuenta anos do momento en que o astronauta Armstrong puxo os pés na superficie da lúa está a encher este ano 2019 con estudos ou referencias a todo o que supuxo para a historia do ser humano ("un pequeno paso para un home, un gran salto para a humanidade"). Pero tamén non deixa de lembrarnos a fascinación que este pequeno corpo celeste supuxo desde sempre para o mundo da literatura, na que os "asaltos" imaxinarios á lúa foron un tema recorrente que engaiolou a moitos dos grandes escritores. Desde os máis antigos relatos, como os de Luciano de Samosata ata os máis recentes e coñecidos de Xulio Verne, o ser humano podía achegarse ao veciño satélite en soños, barcas voantes, globos ou a impulsos de canóns, para atoparse cunhas terras de paisaxes extraordinarias, riquezas sen límites ou seres incribles.

    Na literatura galega tamén temos a nosa viaxe á lúa, como foi a descrita por Otero Pimentel (1834-1920), desde a illa de Cuba, en 1897 na novela a Campaña de Capercóneca . Este escritor, natural do lugar de Outeiro na parroquia de San Salvador de Portodemouros en Vila de Cruces, seguiu a carreira militar nomeadamente en Cuba, onde acadou o grao de tenente coronel, sendo gobernador de Manzanillo, cando a illa conseguiu a independencia. De volta á península, estableceuse en Cádiz, onde finou. Tivo unha notable produción literaria, moita dela en galego, co pseudónimo de "Luís de Outeiro", sobre temas históricos, folclóricos e militares.

    A viaxe á lúa do protagonista comeza con Luis de Outeiro, trasunto do escritor, seguido do seu can e cabalo, perdidos nun día de chuvia e brétema nos montes de Lestedo e, despois de dar voltas e máis voltas procurando un camiño seguro de saída, remata, rendido e canso, botando un sono "arrimando a cabeza a unha pedra". Na descrición dos primeiros momentos deste soño acontécelle de todo: Olla a Santa Compaña, unha manda de lobos déixao espido e ao final, voando xunto a dúas antigas noivas e a unha bruxa, remata diante do demo maior e a súa dona que o incorporan ao seu grande proxecto de volver congregar todas as "compañas" de demos e bruxos da terra e dos mares. No congreso, que todos eles tiveron nos montes de Lestedo, o demo e a bruxa maior comunícanlles que os habitantes da lúa estaban en perigo de ser asoballados polos guerreiros de Cáncer e Caprecórneca e que había que acudir na súa defensa, polo que, dito e feito, puxéronse a voar todos "como frechas polo camiño da lúa".

    A chegada ao pequeno satélite faise en son de paz porque os inimigos aínda están lonxe, o que permite que os lunícolas os reciban con todo xeito de atencións. Á súa descrición dedícalle case a metade do libro e desata toda a súa nada desprezable imaxinación no relato de disparatadas festas e agasallos. Fica prendado dunha fermosa emperatriz, un estudante de Coimbra faille as beiras a unha das súas mozas, acoden a banquetes homeopáticos, touradas, unha xira marítima coas músicas e bailes de insinuantes sílfides, nereidas e ondinas...

    Un detalle no que se demostra a delicadeza no trato dos lúnicolas atópase no feito de que nos banquetes se incluíra o caldo e os queixos galegos e que entre as pezas do grande concerto que lles dedicaron figura a Alborada de Veiga. Así mesmo, nun espectáculo que lles ofreceron apareceu o Apóstolo Santiago a cabalo dunha nube e presidindo unha romaría enxebre baixo un souto no que tocaba un gaiteiro "ao xeito dos de Riobó" e bailaban unha muiñeira cos puntos e compases típicos da Ulla (que describe cun gusto e rigor que certamente chama a atención).

    E como en todo bo relato de ciencia-ficción da época, non podía faltar a fábula moral, que se amosaba nos sans e inxenuos costumes dos lunícolas, entre os que non había xenreiras nin preitos, as mulleres tiñan os mesmos dereitos que os homes nas asembleas e os acordos fiábanse máis da boa vontade que das artes dos "picapreitos". Non tiñan armas e os trámites burocráticos eran os mínimos.

    Pero todo tiña a súa fin e o perigo latente dos guerreiros de Cáncer e Caprecórneca rematou por facerse real e as alegrías e aloumiños houberon de deixar paso ás armas. Mesmo os habitantes da lúa tiveron que botar man delas. Cambia o ton do relato e o que antes eran festas e agasallos vírase agora cara ao drama e os enfrontamentos das "compañas" da terra e da lúa contra as de Cáncer e Capercórneca. "A guerra é inevitabre!". Na disposición e preparativos da contenda apréciase a man experta do militar que as está a describir: como se sitúan os efectivos, as avanzadiñas e descubertas, a protección dos flancos, as tropas de reserva... Prodúcense os avances e os enfrontamentos. Hai diversas alternativas, mesmo se chega a pensar nunha desfeita, pero ao final as habilidades tácticas e a decisión das tropas terra-lunículas rematan coa conquista de Cáncer e a fuxida do resto dos inimigos.

    O derradeiro capítulo da Campaña de Capercórneca comeza con Luis de Outeiro acordando nos montes de Lestedo, comprobando que segue co mesmo traxe co que saíra da casa e que o can e cabalo están á súa beira. Todo fora un soño e aqueles fermosos palacios e agarimosas xentes da lúa ficaban xa coma un imposible recordo. A tristura e a nostalxia envólveno e xa se dispón morriñento a preparalo todo para a volta ao fogar...cando ao lonxe escoita uns cantares. Vanse achegando e, pouco a pouco, distingue as voces dun fato de mozas e mozos que están a interpretar vellas e coñecidas cantigas. Está na terra! E tamén el pode lembrar unha a unha moitas daquelas letras que cantara en troulas e romarías. Despois "quedaron todos calados, empezou á rayar o día, montey no meu faquiño, busquey ó carreiro, é botey á andar a miña aldea...".

    Neste ano de efemérides luares, estimo que paga a pena volver a lembrar a Luis Otero Pimentel, ese case esquecido escritor ullán, que tivo a feliz ocorrencia de poñer o idioma galego na lúa antes de que o século dezanove chegara ao seu remate. Un xesto máis que, como tantos outros chegados de Cuba, servía para recoñecer a universalidade e capacidade expresiva da nosa lingua.

    20 jul 2019 / 23:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito