Un proxecto educativo compostelán obtén un dos primeiros premios europeos eTwinning
O Departamento de Cultura colaborou con Marcos Vence Ruibal, profesor do IES San Clemente nun proxecto de colaboración escolar en Europa. Esta iniciativa, na que o autor veu participando durante tres anos acaba de gañar o Premio Europeo eTwinning 2013 na categoría de alumnado de 16 a 19 anos.
O proxecto, denominado Pek, A pulga viaxeira 3 Evolución, contou tamén coa colaboración doutro profesor de Vilagarcía de Arousa e doutros dous de Nájera, polo que se refire á participación española. Ademais, formaron parte do proxecto representantes franceses, italianos, turcos, búlgaros, portugueses e checos.
O resultado do proxecto foi a elaboración dun cómic publicado en todos os idiomas das escolas participantes. Permitiu traballar en torno ás linguas, á creación de historias, ao deseño e a diferentes ferramentas informáticas.