Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
SAúde

Un software deseñado no CiTIUS axuda detectar alteracións aorta

Juan Antonio Martínez Mera deseñou un novo sistema automático na súa tese de doutoramento, cualificada coa máxima nota académica

O investigador Juan Antonio Martínez Mera deseñou un novo sistema automático para a detección de alteracións na aorta torácica, cuxo desenvolvemento e avaliación clínica recolle na súa tese de doutoramento, cualificada coa máxima nota académica, sobresaliente cum laude. Como explica o seu autor, este sistema facilitará a comunidade médica a obtención de resultados clínicos interpretables de xeito totalmente automático o que axudará a reducir a carga de traballo dos especialistas e axilizar o proceso de diagnose e prevención.

Como explica Juan Antonio Martínez Mera, a aorta é a arteria principal do corpo humano, o vaso sanguíneo de meirande importancia e tamaño encargado de transportar o sangue por todo o organismo, polo que o seu estudo e análise son de vital importancia na prevención de graves patoloxías asociadas. A máis común delas é o aneurisma, unha dilatación permanente nalgún punto da arteria que presenta un elevado risco de ruptura (74%), alcanzando unha alarmante taxa de mortalidade do 90% nos casos nos que esta chega a producirse.

Na actualidade, o diagnóstico dun aneurisma implica o uso dun software comercial, que calcula os diámetros normais da arteria buscando posibles alteracións. Non obstante, como sinala o investigador, este sistema carrexa unha serie de inconvenientes: obriga o especialista a marcar distintos puntos manualmente (empregando para iso cando menos 20 minutos en cada caso) e condiciona o resultado final, que pode variar en función de onde sitúe o radiólogo os puntos de orixe. “ Trátase, polo tanto, dun sistema cunha serie de limitacións, que fan imprescindible a intervención do especialista no proceso de análise arterial”, afirma Martínez Mera.

O traballo do investigador do CiTIUS fixo posible o desenvolvemento dun software específico para este propósito, que libera o sistema da intervención manual. Partindo de medicións clínicas sobre imaxes obtidas dos estudos médicos dun paciente real non só permite o diagnóstico, senón que brinda, ademais, a posibilidade de realizar un seguimento da patoloxía.

18 jul 2014 / 12:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito