Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un traballo de investigación revela a relación da Bella Otero coa cultura física a través do lendario deportista Eugen Sandow

O artigo, realizado por Tomás Abeigón, foi presentado esta mañá no Museo da Historia // O acto contou coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, e das concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro

O alcalde, José María Bello Maneiro, participou esta mañá no Museo da Historia na presentación dun artigo de investigación da autoría de Tomás Abeigón e centrado nunha novidosa e, ata o de agora, pouco coñecida faceta da valguesa máis universal, A Bella Otero. O acto contou, ademais, coa presenza das concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro e do técnico responsable do Museo da Historia, Santiago Chenlo.

Abeigón, vencellado profesionalmente ao fisicoculturismo e ao deporte, desvela neste traballo “o gran segredo da beleza corporal” da diva da Belle Époque e estrela do Folies Bergère: “os aparatos de Cultura Física que foron o seu verdadeiro Santo Grial” e que lle permitiron modelar o seu corpo ata ser admirado por algúns dos homes máis influíntes do mundo e conseguir encher os máis afamados teatros.

Segundo revela Tomás Abeigón, a relación da Bella Otero co culto ao corpo iniciouse no ano 1893. Durante unha estancia en Nova Iorque a artista valguesa inscribiuse nun centro ximnástico rexentado polo famoso forzudo alemán Ludwig Durlacher –coñecido como Atila, en referencia ao rei dos hunos– e especializado no adestrameto feminino con pesas.

Aínda así, a clave da investigación –pensada para a súa publicación en revistas especializadas en educación física– está na relación que uniu á Bella Otero co lendario deportista Eugen Sandow, considerado o pai do culturismo moderno. Tal é así que o Museo da Historia Natural de Londres realizou un molde de xeso do seu corpo como representación da forma ideal masculina. “O seu equivalente actual sería Arnold Schwarzenegger”, explica Abeigón.

Sandow foi inventor dalgúns dos aparellos ximnásticos e máis éxito da época, como as “Mancuernas de muelles Sandow”. Agustina Otero valeuse dos seus métodos e aparellos para modelar a súa ferramenta de traballo, o seu corpo, xa de por si agraciado. Adquiriu estas pesas, coas que realizaba unha rutina tres días á semana, e tamén o “Sandow Symmetrion”, un aparello de exercicio físico revolucionario e deseñado única e exclusivamente para a muller, á que permitía acadar “a simetría na forma do corpo e graza no movemento”. Máis en concreto, axudaba ás usuarias a lucir unha reducida cintura e unha musculatura tonificada.

“A idea de que as mulleres se dedicaran á ximnasia con pesas era algo que non concordaba coa mentalidade da época. De feito, ata ben entrado o século XX non foi unha cousa demasiado ben vista. Ben por descoñecemento ou por envidia, había persoas que dicían que isto provocaría que a muller tivera un corpo demasiado masculinizado (...). Pode dicirse, neste sentido, que a Bella Otero axudou á igualdade entre homes e mulleres no fitness”, asevera Abeigón no seu traballo.

O artigo presentado esta mañá afonda tamén na relación persoal que uniu á Bella Otero con Eugen Sandow –unha historia de amor non correspondida por parte do deportista– e céntrase nalgúns episodios da vida profesional e persoal da afamada bailarina. Por exemplo, que o seu bautismo artístico puido ter lugar na cidade de Pontevedra aos 14 anos de idade. “Unha noite deambulando polo actual casco vello estoitou palmas, griterío e repique de castañolas que a empurraron a entrar nun café. Era tal o seu magnetismo, graza e donaire que o dono do local contratouna como bailarina e decidiu bautizala artisticamente co nome da súa filla, Carolina”, explica o autor do traballo. Tratábase dunha tasca hostal emprazada na actual rúa Princesa, entón chamada Picheleira, e propiedade de Eusebio Álvarez.

No tocante á vida persoal da Bella Otero, o artigo de Tomás Abeigón incide na posibilidade de que a artista fose filla dun cura e aporta datos sobre o home que a violou sendo nena, Venancio Romero, alias “Conainas”. En concreto, afonda nos antecedentes penais deste individuo por roubo, estafa, lesións e “outros excesos”.

Para realizar este traballo, o autor empregou como fontes a biografía de Eugen Sandow (“Sandow, the magnificent”, revistas da época como “La Culture Fhysique” ou “La Santé par le Sports”, consultou os arquivos Diocesano de Santiago, o do Reino de Galicia, o Histórico Provincial de Pontevedra, o da Universidade de Santiago, o arquivo do Xulgado de 1º Instancia de Caldas e da Audiencia Provincial de Pontevedra, entre outros.

24 oct 2019 / 23:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito