Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 26 julio 2021
02:56
h
tribuna libre

Unamuno en Portugal

    Nestas datas o xornalista Agustín Remesal presenta na Fundación Araguaney-Puente de Culturas a segunda edición dun libro singularísimo e transxenérico: Por tierras de Portugal. Un viaje con Unamuno. O autor, zamorano e tamén arraiano puro, é sobradamente coñecido pola súa faceta de correspondente no estranxeiro durante case tres décadas de TVE.Viaxeiro apaixonado, soubo compaxinar o seu traballo profesional co pracer pola escrita. Froito dese gusto pola escritura son a ducia de libros que leva publicados.

    Agustín Remesal, "castellano puro, delibesiano, cun idioma ben dito e rotundo" como el mesmo se define, agasállanos na súa última publicación cun libro orixinal, unha amalgama feita de documentación rigorosa, con personaxes, acontecementos e circunstancias reais e diálogos ficcionalizados na súa meirande parte, verbo dunha parcela vital de Unamuno: as máis de vinte viaxes e estadías en terras portuguesas, frecuentemente ignoradas polos estudosos da obra unamuniana. O autor rastrexa as pegadas unamunianas polos enclaves xeográficos polos que andou Unamuno, chegando á conclusión de que Unamuno como personaxe é incompleto sen saber o que viviu, sentiu e pensou en Portugal. O libro, concibido como unha biografía novelada do pensador bilbaíno en terras lusitanas, estrutura o seu abondoso material -as viaxes de Unamuno a Portugal foron moitas e moi frecuentes; máis de vinte están documentadas- en dez capítulos. Nos mesmo reproduce, con elevadas cotas de fidelidade documental e creatividade ficcional, estas viaxes.

    Acerta o autor coa estrutura paralela que introduce no libro, que lle permite ao viaxeiro, alter ego do propio autor, revisitar cen anos despois as cidades e lugares nos que o Reitor salmantino pasou os seus descansos lusitanos. Porque esas recreacións viaxeiras son un itinerario ilustrado do Portugal unamuniano, tralo paso do tempo, converténdose asemade nun espello da propia intrahistoria portuguesa, dos seus avatares históricos, das súas treboadas libertarias, como as de Diogo Telonio en 1762. Xa que logo, sutura de crónica viaxeira e recreación de espazos, ambientes e diálogos, escrita nun elevado ton ficcional e literario que desterra da mente lectora a cansa simplicidade dunha longa lista de lugares, datas, encontros e conversas e que converte a este libro nunha peza narrativa que se pode ler como vida de Unamuno e retrato de Portugal en estado puro, mais tamén novelados. Un libro pois para aprender e gorentar.

    18 jun 2014 / 20:58
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito