Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

UNHA DUCIA DE ALUMNOS DANSE CITA NO AUDITORIO PARA ASISTIR A UNHA MASTERCLASS DE PIANO JAZZ

A actividade, organizada polo Centro Superior de Música, é impartida por Abe Rábade // Os matriculados proceden de Santiago, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Ourense

Unha ducia de alumnos participa durante a xornada de hoxe no Auditorio Municipal nunha clase maxistral de piano jazz impartida por Abe Rábade, profesor do Centro Superior de Música (CSM Galicia). Os matriculados, de entre 18 e 30 anos de idade, proceden de Santiago, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Ourense.

O obxectivo da masterclass é conseguir un achegamento ao vocabulario jazzístico no piano, nas súas vertentes rítmica, harmónica e melódica. O adestramento auditivo, o rítmico e as nacións de harmonía contemporánea serán a vía para acadalo. Durante as sesións, os participantes están profundizando en todos os recursos que permiten a un instrumentista improvisar con solvencia, traballando cunha selección de repertorio representativo do jazz: standards, temas be-hop e composición de corte máis contemporáneo.

O mestre Abe Rábade é licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music (Boston, EEUU). Dirixe un trío de jazz acústico dende 1996, é autor de máis de 200 composicións, director e forma parte do corpo docente da Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto (Portugal). Conta cunha longa lista de premios no seu haber, entre eles o Martín Códax na categoría de Jazz e Músicas Improvisadas ou o Piano Performance Award do Berklee College of Music.

Ademais desta actividade, o Centro de Ensinanzas Superiores ten programadas outra masterclass de saxofón para as vindeiras semanas. Será entre os días 26 e 27 cos mestres Adrián Pais e Xabier Casal.

11 dic 2019 / 00:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito