A Universidade de Vigo descobre as vantaxes do teatro nas vítimas de violencia machista
As probas foron realizadas con mulleres de Vigo e Porriño // Tratouse de sesións de dramaterapia que buscaban "adestrar as súas competencias persoais para afrontar estas situacións e entendelas", afirma a doutora
O desenvolvemento dun programa de intervención con vítimas de violencia de xénero baseado no uso terapéutico de técnicas teatrais contribúe a unha redución importante da sintomatoloxía depresiva que padecen as vítimas, amósase como un medio de superación do illamento ao que son sometidas polos agresores e fai posible unha diminución do malestar psicolóxico e melloras na motivación. Estas son as principais conclusións que a psicóloga María Luisa Mondolfi extrae do programa baseado na dramaterapia, unha metodoloxía centrada no potencial terapéutico do teatro, que deseñou e desenvolveu cun grupo de mulleres vítimas de violencia de xénero en Vigo e Porriño, como parte da súa tese de doutoramento, dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino.
Trátase dun programa deseñado para as necesidades específicas desta poboación, sinala Mondolfi, formada en dramaterapia pola North American Drama Therapy Association, dun programa articulado en base a dous eixos terapéuticos transversais, un centrado no desenvolvemento de competencias persoais e nas vivencias traumáticas, e un segundo dirixido a fomentar o cuestionamento dos estereotipos de xénero. Levado a cabo coa colaboración dos Centros de Información á Muller (CIM) de Vigo e O Porriño, o programa que Mondolfi desenvolveu con 25 vítimas tivo entre os seus principais logros o ambiente de apoio e soporte emocional que se xerou no grupo de participantes e o que serviu para romper o illamento social e afectivo que soe xerar a violencia machista. Así mesmo, a avaliación deste programa amosou tamén resultados estatisticamente significativos na redución da sintomatoloxía de depresiva e no incremento da percepción do sentido da vida, á vez que se obtiveron melloras globais en todos os síntomas e variables avaliadas, como a diminución da gravidade do trastorno de estrés postraumático, diminución dos estereotipos sexistas, aumento da autoestima e calidade de vida percibida, apunta Mondolfi.
TRABALLO CO CORPO E COAS EMOCIÓNS
Segundo explica esta investigadora do grupo Cies-10, a dramaterapia non é unha disciplina recoñecida en España, de aí que incida na necesidade de achegar evidencia empírica para promover o diálogo interdisciplinario e a inclusión desta disciplina deste o ámbito académico. Nese senso, a súa tese Posibilidades terapéuticas e pedagóxicas do teatro no malestar psíquico, autoestima e estereotipos en mulleres con antecedentes de violencia de género centrábase no deseño, desenvolvemento e posterior avaliación da súa eficacia e impacto dun programa de dramaterapia, recollido previamente, co propósito de que poida ser replicado, no libro colectivo Diseño y evalución de programas educativos en el ámbito social. Actividad física y dramaterapia, que coordinou Margarita Pino.
Articulado en 20 sesións, cada clase iniciábase cun quentamento físico, de corpo e de voz, acompañado por música, complementado con exercicios de respiración, que buscaba entre outros obxectivos xerar un ambiente que fomentara o xogo, xa que unha das metas da actividade era promover a espontaneidade, explica Mondolfi. Unha vez establecido este ambiente, nas sesións traballabamos escenas sobre temas que afectaban ao grupo ou cuestións vinculadas a algunha das participantes coas que as demais se identificaban, explica dun programa no que o obxectivo en todos os casos era a busca de alternativas de cambio, de ruptura da opresión, de adestrar nun ambiente controlado os roles, as competencias persoais para no día a día afrontar esas situacións e entendelas. O uso da expresión corporal e da danza constituían dúas das bases deste programa, que tamén promovía en ocasións unha interacción entre as participantes máis próxima á improvisación, na que elas mesmas interpretaban as súas escenas, como se sentían, para exploraran emocionalmente nelas. O traballo, conclúe Mondolfi, realizábase realmente co corpo, as emocións e, sobre todo, a interrelación sobre a que se construía o espazo escénico e terapéutico e complementábase ao remate cunha relaxación guiada e unha discusión grupal na que cada unha avaliaba a sesión e o seu proceso na mesma:
DIFICULTADES PARA PODER ACUDIR ÁS SESIÓNS
Nunha liña e investigación, o uso terapéutico do teatro, na que Mondolfi continúa traballando e que abordou con diferentes colectivos, a investigadora atopouse neste estudo coas reticencias das vítimas á hora de participar e manter a asistencia ao programa, motivada fundamentalmente polo temor ás represalias dos agresores. De feito, oito das 25 participantes no programa non chegaron a completalo. A maior dificultade para a recuperación e o apego ao tratamento amosouse na permanencia da situación de acoso e violencia por parte de parellas e ex-parellas, que mantén a situación de ameaza e é causa de malestar e deterioro permanente, denuncia esta investigadora, que recoñece que aínda que a lexislación en materia de violencia machista avanzou moito e de que os CIM realizan un labor loable, a realidade social mantén estruturas que son resistentes a ser modificadas. De aí que entre as participantes no programa se atopasen con situacións de chantaxes e ameazas, mesmo por parte de ex-parellas cunha orde de afastamento, que tiveron unha incidencia directa nos efectos do programa. Se estamos realizando unha intervención para superar unha vivencia traumática pero esta continúa ocorrendo, a participante pode fortalecer aspectos da súa personalidade e ser consciente de moitas das situacións de opresión que vive, pero segue exposta ao malestar psíquico e físico da violencia, lamenta.