Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Valga reforza os puntos de recollida de aceites domésticos coa instalación de novos colectores

Estanse a instalar dez contedores nas diferentes parroquias // O vertido inaxeitado destes residuos pode causar problemas no saneamento e danos ao medio ambiente

O Concello de Valga está a reforzar os puntos de recollida de aceite vexetal doméstico usado coa instalación de novos contedores específicos para estes residuos altamente contaminantes, que poden chegar a causar importantes problemas nos sistemas de depuración e danos ao medio ambiente.

Son dez os novos colectores que se están a repartir polas distintas parroquias do termo municipal. Os lugares nos que se están instalando son:

En Xanza, xunto ao cruceiro
Na estrada N-550 no cruce de Magariños, frente ao bar Os Camioneros
Na estrada N-550, no cruce cara Cuntis
En Ferreirós, xunto ao teleclub
En Moldes, xunto ao centro social
En Campaña, no Punto Limpo
Xunto ao colexio de Baño
Xunto ao colexio Xesús Ferro Couselo
En Pontevalga, á beira da estrada N-550 nas inmediacións de Alimentación A Pontella
A Torre, frente ao bar Pirata

A maioría xa están dispoñibles para o seu uso por parte da cidadanía. En casos como o de Ferreirós ou Moldes, aínda están en proceso de colocación. En Moldes vaise a construír unha base para asentar o colector e en Ferreirós a instalación estase a ver afectada polas obras de mellora da estrada PO-190.

Estes dez novos contedores, tipo iglú de cor vermella, súmanse aos que xa estaban emprazados noutros puntos de Valga tamén destinados á reciclaxe de aceites domésticos. Ademais, “se os veciños dalgunha parroquia ou lugar consideran de interese a instalación dalgún outro colector, que o trasladen ao Concello e realizaranse as xestións oportunas”, indica o alcalde, José María Bello Maneiro.

Dende o goberno municipal faise un chamamento á cidadanía para que empregue estas novas infraestruturas de recollida selectiva. Os aceites domésticos usados deben depositarse nos contedores dentro de botellas de plástico transparentes e pechadas. Hai que ter en conta que os aceites vexetais que se tiran de forma inaxeitada polo vertedoiro ou polo inodoro poden causar importantes problemas nos sistemas de depuración de augas, como atascos nas tubaxes e danos nas estacións depuradoras. Ademais, conlevan graves riscos para o medio ambiente, xa que son unha das principais causas de contaminación das augas.

10 abr 2019 / 20:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito