Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ven discriminación de xénero no teatro e no audiovisual galego

Así o reflicte un informe do Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia

Coñecíase a realidade estatal grazas a varios informes, e agora, un estudo galego constata a discriminación de xénero no teatro e no sector audiovisual.

Titulado A situación das traballadoras dos sectores audiovisual e das artes escénicas en Galicia, pon de manifesto que é un mundo que está masculinizado.

Só o 42 % do persoal traballador son mulleres, con dificultades de acceso ao mercado laboral e as que aféctalles máis a temporalidade, cústalles conciliar e cobran menos. Ademais, hai casos de acoso laboral e sexual, aínda que se percibe un cambio de actitude.

O estudo "é unha meta, pero no fondo tamén é un punto de partida", apuntou onte a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na presentación do mesmo, á que asistiron os representantes das as entidades que impulsaron a súa realización: Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia e Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Un acto no que ademais de Álvarez participaron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e Jacobo Sutil, director de Agadic.

Canda eles estaba Håkan Casares Berg, responsable do Observatorio da Cultura Galega e autor do informe, e a coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Dolores Vilavedra, entre outros asistentes.

Vilavedra ofreceu os principais resultados: o sector cultural galego achega o 3,5 % do emprego total. E case a metade (o 46 % das afiliacións) correspóndese co audiovisual e as actividades de creación, artísticas e espectáculos.

O emprego mantén unha evolución positiva á alza no período analizado (que vai desde 2011 a 2017), aínda que se ve claramente afectado pola estacionalidade e existe unha proporción importante de autónomos.

Håkan Casares explicou que na distribución de profesionais por sexo a tónica xeral é que son sectores claramente masculinizados.

Agora ben, aprécianse matices en función do grupo de actividade. O artístico e escénico é claramente o que ten maior diferenza: un 62,6 % de homes fronte a un 37,4 de mulleres. Séguelle o da programación e emisión de televisión cun 47,9 % de poboación masculina. Cun 51,3 de homes fronte a un 48,7 % de mulleres, o da cinematografía, vídeo e programas televisivos está máis equilibrado.

A análise cuantitativa revela que elas teñen un nivel de estudos superior. Unha fenda máis acusada no campo audiovisual que no das artes escénicas. A medida que aumenta a categoría laboral aumenta a presenza de homes.

08 oct 2019 / 20:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito