Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

Os versos de Vázquez Pintor

    Unha salutación, antes de máis, para este libro-compilación de corenta anos de dicir poético que chega en sazón, maduro, nostálxico, tenue por veces, claramente combativo as máis delas, ao que me achego á vez temeroso e conmovido, porque acercarse á voz lírica de Vázquez Pintor significa acaroar esa grande verdade/milagre do mundo que dirían os nosos clásicos. Este polifacético domador de palabras que labra cada liña que escribe cun rexistro literario vigoroso, ateigado de tensión, emotividade e sorpresa, ergue, no eido da lírica, "a memoria que reconstrúe un mundo" como rotulou a súa tese verbo do escritor da Terra do Medio e da beiramar a profesora cubana, Yanelis Velazco Fajardo. Velaquí pois, editados con galanura por Espiral Maior, os versos de media vida, escritos coas palabras que o poeta máis quere, para turrar sempre dos soños contra as esperas. Dez poemarios amalgamados polo título Seara, a palabra que nos fai pensar no país, sendo como é de terra de montes, pero que une as dúas xeografías vivenciais do escritor: a Terra do Medio, a do seu Deza natal e a da beiramar.

    Lemos os versos das primeiras andaduras: Gándaras, Terra e pan, O espertar tamén é noso, vítimas de inxustas sentenzas pronunciadas polos que pretenden señorear o canon. Son, porén, "a primeira illa dos soños", "a partida de nascemento" como escribiu o prologuista do primeiro, Varela Buxán. Tamén os poemas de Ofidios de diario co que se produce a viraxe na forma e no contexto dun quefacer poético que agora asenta a súa cerna nas isóbaras dun mundo fantástico, ensoñado e cicelado ao ritmo das imaxes brunidas con palabras. E os tres últimos poemarios, No corazón mancado, Rotación violeta e Banzados que significan unha volta a outras etapas vitais, ateigadas de ousadías, rachando os medos da luxuria e camiñando por veces no territorio dos loucos e do destempo.

    Completan o volume dous inéditos: Anuncian as aves e Os versos do zapateiro. Exercicios de habilidade escritural e diálogo con pezas de pintores e escultores do Deza, bebendo o granitos e os óleos. Os versos do zapateiro son a memoria dos últimos anos dun dicir lírico que manifesta sempre con habilidade as lembranzas da infancia, a ollada sobre os amigos, obxectos e acontecementos. Tamén as arelas, soidades e illamentos e os saberes e querenzas da nosa tribo. Mergullarse neste libro compilatorio de Vázquez Pintor confírmanos nesa seguranza de que función poética, algo pequeno na súa configuración gráfica, é paradigma de fermosura. E o que é máis relevante: que a poesía é forte (Michel Deguy), sobordante de fulgores e bríos máxicos.

    CRÍTICO LITERARIO

    27 feb 2012 / 22:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito