Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
a mandala

Vestirse de liberdade

    O 2 do 2 de 2020 é unha data palíndromo, que significa volver ir atrás. O que a fai merecedora do nome e que de esquerda a dereita, e de dereita a esquerda coincide. Comecei ese día esta mandala e, despois de participar no inicio das celebracións do ano dedicado a Concepción Arenal, quero agradecer á vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos e a Alba Nogueira por compartir o proxecto con todas as comisións de igualdade dos centros da USC.

    A primeira proposta era meterse nos zapatos de Concepción Arenal. Na Facultade de Matemáticas as alumnas da comisión de igualdade propuxeron que a empatía coa vestimenta da ilustre ferrolá fose o día 30 de xaneiro. Sumeime a proposta, o día da Paz e do nacemento da miña nai, Edita Cendón fai 85 anos.

    Vestinme máis conscientemente, e de vello, con pezas con historia, feitas polo meu pai para min e actualizadas ao meu cambio de cintura. E si, engadín u­nha gravata, un nome que vén do francés e que ten a orixe na peza que levaban os mercenarios croatas, como me aprendeu o meu gran amigo Rafael Viveiro. A do 30, azul e morada, compreina na tenda da USC hai anos. Foi unha elección consciente, e ese día presidía a Xunta de Facultade de Matemáticas. Vestida de home? Desde fóra si, desde o coñecemento da orixe das pezas... A renuncia foi non poñer pendentes.

    O día 31, o do nacemento de Concepción Arenal, como ECG compartiu, houbo unha lección dunha "mestra" sobre a "mestra" que estamos a honrar, ás dúas concitaron un auditorio diverso e entusiasta que desbordou o aforo. A Facultade de Dereito foi a anfitrioa para todas as persoas que nos quixemos sumar.

    A convidada foi Manuela Carmena, conectou os douscentos anos pasados, desde data a celebrar, con coñecemento, enfiando o dito e o feito pola protagonista. Definiuna como unha emprendedora social que demostrou a importancia da formación. A relatora tamén identificouna como socióloga, gustáballe analizar os feitos, os impactos das leis e das reformas implementadas, analizando os datos. Carmena enfiou tamén os valores polos que Concepción Arenal traballou con debates do momento. Fíxonos pensar nun discurso cheo de empatía e de admiración entre mestras da xustiza. Grazas!

    Os valores consolidámolos as persoas, é necesario recoñecer ás persoas ás que tanto lle debemos. Pero os seus feitos non perviven sós. É preciso seguir analizando e aprendendo dos erros. Discriminar no acceso á formación, é un dos erros que non debemos repetir. Concepción Arenal vestiuse de home para superar unha restrición, grazas a que non aceptou un non inxusto achegou moito á xustiza. Temos que aprenderlle ás mozas e aos mozos a vestir- nos de liberdade dos pés á cabeza. Os Valores deberían ser pa-líndromos: coa mesma mensaxe de esquerda a dereita e de dereita a esquerda, e que nos fagan volver ir atrás a pensar. Valores que pervivan no tempo, que non morran, que sexa igual celebrarlles nacementos que aniversarios, que non son equivalentes nas persoas, pero que sempre celebramos!

    Profesora de Matemática Aplicada na USC

    13 feb 2020 / 22:38
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito