Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
GALICIA XXI ·· ACTORES DO CAMBIO

Villares: A mensaxe é: abriuse a veda sobre a lingua galega"

HISTORIADOR ··“O que nos salva desta crise son os poderes públicos, porque cos señoritos especuladores aviados estamos”

Ramón Villares Paz (Xermade, 1951; casado: dúas fillas; catedrático de Historia Contemporánea; ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela) é presidente do Consello da Cultura Galega desde hai tres anos e codirector, xunto con Josep Fontana, dunha magna obra sobre a nova Historia de España, de máis de 6.600 páxinas, na que participan quince historiadores, editada conxuntamente por Editorial Crítica e Marcial Pons. No ano 2004, publicou en Galaxia Historia de Galicia.

_ Di Eric Hobsbawm que o século XX foi un século curto. ¿A crise económica actual correspóndese máis co século pasado ou é o inicio do século XXI?

_ Hobsbawm foi audaz na súa visión do século XX, sobre todo ó fixar o seu inicio na Primeira Guerra Mundial. E eu aínda diría máis, diría que a Primeira Guerra Mundial é a verdadeira parteira do mundo no que vivimos, e a Segunda Guerra Mundial é
unha continuidade da Primeira por outra vía. En cambio, Hobsbawn non acaba de entender a parte final do século, e remata cunhas perspectivas sombrías de que non sabemos ben onde imos. Pero acertou na idea de que fose un século curto.

_ Que facer coa crise actual?

_ É unha crise nova, aínda que hai certas analoxías coa de 1929. Todos os analistas e economistas que están intentando saber porque sucede non dan coa resposta. É unha crise estrutural, derivada dunha condición que está implícita na obra de Hobsbawm: o século xa non é nin longo nin curto, é planetario. Iso formula unha contradición entre unha dinámica económica, política e social a nivel planetario e uns sistemas de gobernanza incapaces de facerlles fronte. Nesa contradición, o que nos salva son os poderes públicos, porque como nos fiemos da iniciativa privada e dos señoritos especuladores, aviados estamos.

_ Hai que repensar a relación entre público e privado?

_ Si, e baixará a consideración da superioridade moral do privado sobre o público, se ben o público quedou moi mancado pola caída do socialismo real.

_ Agora nos falta un Keynes?

_ Si, pero Keynes é irrepetible. Era un economista que investía en Bolsa e formaba parte do Grupo de Bloomsbury; era mundano e estaba dotado dun talento excepcional. Tivo a fortuna de que alguén seguiu as súas políticas despois da Segunda Guerra Mundial. Hoxe non hai un Keynes, e os que aspiran a selo, tipo Krugman, Stiglitz e tal, parécenme un pálido reflexo del. Teño unha grande estima por Keynes e tamén por Schumpeter, o mellor economista do mundo no seu tempo, comparable a Keynes.
_ Esta crise víase vir?

_ E que non queremos ver. Iso pasa ata na vida privada, cando as cousas van mal e non se queren ver ata que rompe. A crise é unha chamada de atención forte sobre excesos non só de ganancias, excesos de maltratamento á natureza e de búsqueda desenfreada do beneficio polo beneficio, sen ningún tipo de control ou limitación. Esta crise é unha lección de humildade.

_ O cambio climático codiciona o sistema económico?

_ O do cambio climático non o sei, pero o componente medioambiental si. A atención dos historiadores ao clima é bastante antiga. Hoxe está moi desenvolvida unha historia medioambiental e de balances enerxéticos. O que nos está mostrando a situación actual é que o planeta é limitado. Non podemos seguir explotando os recursos de forma indiscriminada.

_ Entre eles os enerxéticos?

_ A enerxía estáse dilapidando. Non obstante, non estamos atoados. Temos capacidade tecnolóxica para substituílo. O dicía don Carlos Marx: unha sociedade só se formula un problema cando ten os mecanismos e os instrumentos para resolvelo. Así que cando se formula dunha forma máis crúa, haberá alternativas máis renovables e respetuosas co medio natural.

_ Sairemos da crise?

_ Si, iso creo, pero con calma.

_ Galicia está a converxer con España e Europa. Que pasou para que, utilizando unha metáfora súa, Galicia xa non teña o lento camiñar do boi?

_ O grande avance de Galicia dáse a partir do período autonómico, porque une transformacións económicas cun progresivo
autogoberno. A imaxe que eu daba dese camiñar cansino referíase ao conxunto da historia de Galicia, que ten uns décalages respecto da evolución da historia europea. O maior grado de converxencia dos últimos anos tamén é en parte consecuencia do efecto estatístico, pola ampliación da UE. Galicia, sobre todo en equipamento tecnolóxico, non está na mellor das posicións. Ten unha poboación envellecida e uns recursos de capital físico moi custosos, moi dispersos polo territorio, cunha ordenación do territorio moi deficiente.

_ A ordenación do territorio é unha cuestión prioritaria?

_ Si. Por exemplo, un dos problemas actuais é viaxar menos da casa ao traballo. O cal se pode resolver ben traballando na casa mediante teletraballo, ou usar menos automóbil. Iso significa usar menos enerxía, gastar menos en estradas, etc. Pero Galicia vai por outro camiño. Cremos que a dispersión é un valor e incluso o facemos valer para que nos dean máis diñeiro na financiación autonómica. Os galegos somos tan listos e temos tanta capacidade de resolver os problemas como os demáis, pero temos algúns defectos estruturais, cos actores políticos, sociais e institucionais deberían afrontar dunha forma decidida.

_ Entre 2005 e 2009, houbo un acelerón na renovación en Galicia das súas élites políticas?

_ É evidente. Ata 2005 houbo máis ben continuidade, ata con políticos que viñan do franquismo, caso de Fraga, que ao perder o poder ese ano, abre a espita a unha renovación xeracional, na que entran os que van desde o 68 ata os CAF. Nese abano están os que se socializaron nas ideas do 68, caso do presidente Touriño, e os que se socializaron a finais do 7o principios dos 80, xa na autonomía, como a conselleira Ánxela Bugallo. Foi unha ruptura xeneracional importante, cunha renovación das élites que non se consolidou. Pero o retorno do PP ao Goberno, non é o retorno das elites que gobernaron con Fraga, é outra xeración, que por segmento de idade e profesionais constitúe unha ruptura coa etapa de Fraga e non tanto co Goberno bipartito.

_ Galicia é o feudo do PP?

_ Non necesariamente. A dereita foi hexemónica ata finais dos 90, a partir de aí hai unha igualación entre dereita e esquerda. O punto de inflexión foron as eleccións municipais de 1999, cando PSOE e BNG acceden a gobernos de coalición nalgunhas grandes cidades. Quizais os resultados das eleccións galegas sexan o inicio precoz dun cambio de ciclo no conxunto europeo. Nas eleccións europeas a hexemonía do centro dereita é evidente, pero non sei si iso será duradeiro, porque a socialdemocracia fixo unha xestión das crises de forma bastante eficaz en moitas ocasións, nomeadamente nos anos 70. Esta alternancia de enfoques e de modelos seguirase mantendo.
_ A debacle do BNG é un indicio de que soplan malos ventos para os nacionalismos periféricos?

_ O nacionalismo galego non ten a forza organizativa do vasco e do catalán, e mentres aquel é un nacionalismo de esquerdas este é un nacionalismo democratacristiano e liberal. De momento, a perda de poder parece afectarlle máis ao Bloque que ó Partido Socialista. Un comportamento esperable, porque os socialistas teñen máis instrumentos de resistencia. O BNG ten unha cultura política máis endeble, que xa lle afectou ó acceder ao poder.
_ Como se entende iso?

_ Exercer o poder ten as súas dificultades e a cultura nacionalista ten unha certa sospeita respecto do uso do poder. A entrada de Bloque na Xunta non foi unanimemente aceptada nos corazóns, aínda que formalmente si o fose. No BNG ten que haber unha reorganización, e virá outra xente, con novas ideas e menos fantasmas e prexuízos. De momento ten moita dificultades para renovarse, e chama a atención que sigan existindo dirixentes que, en comparación cos de outros partidos, son os máis antigos do panorama político galego.
_ A conflito en torno o Decreto de Normalización Lingüística afectará á cultura galega?

_ Si. Hai debate político en torno á lingua, e hai unha desafección dunha parte da sociedade galega respecto do galego. E está o triunfo da mensaxe, que non comparto, de que aquí hai inmersión lingüística. O que obriga a pensar para o futuro políticas lingüísticas distintas. Sería un erro moi forte que esas políticas lingüísticas se pensasen como unha contraposición galego/castelán, pois o futuro é o multilingüísmo. Imaxinemos que toda a xente se pasase a falar en español e abandoase o galego. Que utilidade tería iso para Galicia? Eu non acabo de velo. Temos máis valor falando galego, español e inglés que soamente falando español e inglés. A xente non se dá de conta de que iso supón que te teñan en conta, que te respecten un pouco. Os partidos políticos teñen que facer un exercicio de realismo e responsabilidade, baixar o diapasón e entrar nunha situación de certa concordia, que eu creo que si é posible. Hai que considerar a lingua non como un problema senón como un recurso.

_ Debe someterse a lingua galega a un plebiscito?

_ Home non, o plebiscito da lingua son os falantes. A consulta que está en marcha deriva dun compromiso electoral; é unha solución só para iso. Isto levanta un aire de sospeita sobre a lingua. A mensanxe está clara; abreuse a veda sobre a lingua galega. O cal é lamentable. Pois unha cousa é que baixe número de falantes, e outra que se culpabilice a unha lingua. Temos que ter en conta que, polo menos a medio prazo, Galicia non será nin monolingüe galega nin monolingüe española. Iso esixe administrarar da forma máis intelixente posible uns recursos, que son dúas linguas. Nisto estamos implicados todos, por iso as solucións teñen que ser integradoras e non provocar unha fractura.
_ Hai que volver ó consenso lingüístico?

_ En efecto. No debate que se abreu hai unha falacia. Os galegofalantes somos bilingües e os que estan promocionando a idea dunha Galicia bilingüe, no fondo o fan contra o galego, propugnando no futuro unha Galicia monolingüe e non unha Galicia bilingüe.

O perfil

“Sen lectura non podo vivir”

n En que lecturas anda?

En moitas. Estou lendo unha biografía de Don Pedro IV de Portugal; acabo de ler El palo y la zanahoria. Política lingüística y educación en Irlanda (1922-1939), de Josu Mezo... Para min a lectura é unha cousa diaria, obrigada, e, ademais, sen lectura non podo vivir.

n Se alimenta de libros?

Si, porque só tes output cando tes input.

n Con que frecuencia vai ó cine?

Ás salas de cine agora vou pouco. Antes ía algo máis. A cinéfila da miña casa é a miña muller, e eu déixome aconsellar por ela. Unha das últimas películas que vin en sala foi La vida de los otros, do director alemán Florian Hanckel.

n E ao teatro?

Ó teatro fun afeccionado de rapaz e nos meus tempos de estudante incluso participei nel como actor, facendo algún papel secundario; fun lector de teatro clásico: Lope de Vega, Tirso, Molière o Shakespeare. Agora, cando estou de paso en Madrid, vou con frecuencia ao Teatro de La Abadía, pero non ó de variedades.

n Que preferencias musicais ten?

Gústame a música, pero non teño formación musical. Da música clásica, elixo a barroca, tipo Bach, e vou ós concertos de cando en vez, porque en Galicia hai dúas orquestras sinfónicas e unha oferta razoable. E da música lixeira vaime a dos anos 60 e 70, como os Beatles, Jacques Brel; tamén me vai bastante a música suramericana.

n En artes plásticas?

Gústame máis o figurativismo que o abstracto. Sobre a valoración das instalacións e as performance estou un pouco perplexo, porque non sei que quedará diso. Quizais a miña condición de historiador lévame a ver as cousas con certa relatividade. Si creo que o artista é un adiantado como o é o poeta: sintetiza e ao mesmo tempo marca as tendencias. Picasso fixo coa pintura o que fixeron os físicos coa cencia a principios do século XX. Os artistas bos son uns xenios que nos din en que mundo vivimos.

n A arquitectura é arte?

Si, claro, a arquitectura é arte. A arquitectura é domesticar o espazo e facelo adaptable ás necesidades humanas, vivible. Nesta etapa que estamosa vivir, a arquitectura está dominando sobre as outras artes. Vese cos arquitectos estrela e cos grandes edificios: os continentes dominan ás veces sobre os contidos.

n A onde lle gusta viaxar?

Gústanme moitos sitios, pero na práctica só viaxei ós países occidentais. Hai moitas cidades que me gustan: Barcelona, Lisboa, París, Berlín, Bos Aires e Nova York. Prefiro ir máis ás cidades que visitar parques naturais.

n Que pensou do primeiro teléfono móbil?

Pensei que era un atranco, non fun consciente das posibilidades que tiña. E hoxe xa case utilizo máis o teléfono móbil que o ordenador. É unha ferramenta de traballo imprescindible.

n E do PC portátil?

Téñoo, pero úsoo menos.

n Sabe cociñar?

Ben, non é que cociñe moito. Fago basicamente cousas cocidas, porque eu son máis da cultura do cocido que da cultura do asado.

28 jun 2009 / 01:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito